Publicador de contidos
Publicador de contidos

Amplían a zona de busca da anciá desaparecida en Trazo

Amplían a zona de busca da anciá desaparecida en Trazo

As instrucións son peitear todas as leiras e revisar calquera edificación que poida estar baleira

G24.gal 18/11/2021 13:45

Continúa a busca da muller desaparecida no concello coruñés de Trazo. Un amplo dispositivo encabezado pola Garda Civil rastrexa a zona onde se lle perdeu a pista a Benedicta Pereiro, de 77 anos,

Medio cento de persoas andan á procura de Benedicta. A muller de 77 anos marchou da casa o martes pola tarde en Trazo. Varios equipos de voluntarios coordinados pola Garda Civil buscan indicios, como roupa, para poder dar co seu paradoiro.

As súas instrucións son peitear todas as leiras e revisar calquera edificación que poida estar baleira. Tamén avisar os veciños por se a muller puidera buscar acubillo nalgún alboio ou corte sen que os donos de deran conta.

A tarde en que desapareceu da casa onde vive co seu fillo e a familia da nora tiñan pechado o portal da casa, debido a que xa marchou dúas veces sen avisar. A súa teima era ir a unha casa onde traballara a uns cinco quilómetros de Rial, pero sospeitan que saíu pasear, porque cando quería marchar para a que fora a súa casa sempre levaba algo de maleta consigo.

A mañá da súa desaparición a familia di que mesmo axudou a cargar un remolque de leña e estaba tranquila. Benedicta camiña rápido e está afeita a pasear. O operativo para atopala estase abrindo en forma de abano dende a aldea onde vive a algo máis de tres quilómetros de radio.

Benedicta Pérez, que mide 1,55 metros, é de complexión delgada e ten o pelo cano, viste un polar de cor azul mariño, pantalón granate escuro e calzaba zapatos marróns.

Desaparecida na Sionlla

Máis de 3 meses despois da súa desaparición, tamén segue sen haber noticias de María Chico Prieto, de 77 anos e enferma de alzhéimer. Perdéuselle a pista o 7 de agosto, na parroquia compostelá da Enfesta. A súa familia segue tratando de localizala e piden que non sexa esquecida.

Desaparecido no Grove

Sen resultados ata o momento no quinto día de busca de Manuel Cores, o pescador desaparecido na tarde do domingo en San Vicente, no Grove. O rastrexo céntrase na poza natural onde o martes se localizaron algúns dos seus aparellos de pesca.

Ten oito metros de profundidade e a hipótese que se manexa é que, tras caer desde unha altura considerable, o seu corpo acabara afundíndose nese punto.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade