Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana Miranda: "Ás vítimas do Alvia creo que lles temos que dar unha resposta, ese é o noso traballo tamén"

Ana Miranda: "Ás vítimas do Alvia creo que lles temos que dar unha resposta, ese é o noso traballo tamén"

"A posición do BNG é clara: nós imos defender a pesca galega en Estrasburgo", di Miranda

A eurodeputada di que o BNG xa demandou unha tarifa eléctrica galega

"A alta velocidade con Portugal sería fundamental para un conxunto duns sete millóns de persoas", e tamén é importante o ferrocarril de proximidade, engade

G24.gal 20/10/2022 10:35

Intensas xornadas as que se viven esta semana no Parlamento Europeo. Televisión de Galicia conversou ao longo desta semana cos eurodeputados galegos de PP, PSOE e hoxe BNG, para que nos informen das decisións que se están adoptando en Estrasburgo e que lle poden afectar a Galicia. Marcos Sueiro conversa este xoves coa eurodeputada do BNG Ana Miranda.

Ana Miranda comezou dicindo que estaba moi contenta nesta volta, despois dunha etapa difícil, porque "é o momento de traer a voz do pobo galego" a Estrasburgo, traer "como sempre fixo o BNG, os problemas, as demandas que hai por diante e moitas ganas de traballar". "Traio entusiasmo, persoal e político".

"A posición do BNG é clara: nós imos defender a pesca galega aquí"

Sobre a posición do BNG respecto ao veto da Comisión Europea á pesca de fondo, a eurodeputada lamenta: "Á Comisión Europea e á Unión Europea non lles interesa a pesca. Estámolo vendo nos recortes, nos TAC (Totais Admisibles de Capturas), nas cotas, nas decisións sobre regulamento de control, e vémolo agora con esta decisión sobre a pesca de fondo. Preguntei na comisión de pesca o que era un palangre e non o sabían, pero lexislan sobre o palangre, sobre a pesca do pincho de Burela e de Celeiro; é non poñerse no caso dos nosos portos".

"A posición do BNG é clara, nós imos defender a pesca galega aquí como fixemos en lexislaturas anteriores, traendo aquí o sector, falando cos comisarios, traendo a rede do xeito, que foi o que quedou na memoria popular, e conseguimos que non se prohibira".

Insiste Ana Miranda en que o BNG quere a suspensión urxente do regulamento da pesca de fondo: "Queremos que se presente o recurso, cremos que chega tarde".

A Eurodeputada dixo que o BNG "cuestiona" tamén a intervención do Estado, en distintos Gobernos: "Isto vén desde 2017, no envío de datos. A propia Comisión confirma que o envío de datos foi erróneo. Aquí hai responsabilidades compartidas".

Fronte a este problema do veto á pesca de fondo, Ana Miranda di: "Hai que chamar a unha fronte galega". O BNG chamou os eurodeputados das outras forzas para crear unha fronte galega unitaria pero non quixeron todos: "Neste caso o PP non quixo, e desagrádame e moléstame porque creo que é momento de estar unidos. O sector e a opinión pública galega pídenos estar unidos".

"O recurso é fundamental, pero agora hai que solucionar os efectos que causa unha decisión deste tipo. O comisario aínda non compareceu."

Considera Ana Miranda que o comisario de Pesca non coñece os problemas que provoca no noso país porque: "O comisario ten unha carteira moi grande, de medio ambiente, de océanos e de pesca, e a pesca é secundaria". Insiste en que este tema non é importante para Europa e mesmo en que sería diferente se este problema o tivesen países como, por exemplo, Alemaña. 

"Está claro que estamos un pouco desamparados e o recurso tiña que estar presentado xa. O comisario tomou unha medida sen avaliar as consecuencias socioeconómicas, con datos científicos desfasados. No BNG queremos que se preserve a biodiversidade, pero tamén hai que soster os traballos".

"Máis controis ca a pesca galega non ten ninguén. Está controlada por catro organismos, e a pesca galega é responsable".

O BNG xa demandou unha tarifa eléctrica galega

Sobre os prezos da enerxía, a eurodeputada do BNG laiase de que Galicia sexa excedentaria en enerxía e que haxa "casas que non poden quentarse". "O BNG xa demandou unha tarifa eléctrica galega e que se lexisle sobre enerxía tendo en conta as familias e tamén os sectores produtivos; poño o exemplo das explotacións agrarias galegas que non poden pagar esas facturas mentres baixan para elas os prezos dos alimentos que producen".

Engade Miranda: "É unha contradición o que está acontecendo: renovables si, póñense parques, pero non está beneficiando a colectividade".

"A nosa proposta é a regulación dunha tarifa eléctrica galega, unha regulación do control do prezo".

Ana Miranda considera que o que está a pasar coa crise da enerxía é o mesmo que aconteceu cos bancos: "O sector da enerxía está dominando a política e iso non pode ser, temos que pasar a controlar ese sector enerxético, que non teña este poder que ten".

Lembra Miranda que isto xa o dixo a presidenta da comisión de enerxía: "Por fin agora se dá conta de que estas multinacionais enerxéticas regulan a vida dos pobos europeos".

"A alta velocidade con Portugal sería fundamental para un conxunto duns sete millóns de persoas"

Sobre a conexión por alta velocidade entre Galicia e Portugal, Miranda explica que cando estivo o presidente Costa en Europa xa tivera un encontro con el para falar das comunicacións entre os dous países: "A alta velocidade sería fundamental para un conxunto duns sete millóns de persoas. Nós temos moi claro que pedimos todo o tema do corredor Atlántico e seguiremos insistindo nas redes transeuropeas. Pero tamén pensamos que hai outros temas importantes: alta velocidade si, pero tamén o transporte ferroviario de proximidade e de calidade".

Ana Miranda ao falar do tren lémbrase do accidente de Angrois e insiste en que debe ser importante a "seguridade, a calidade ferroviaria e a modernidade".

"Ás vítimas do Alvia creo que lles temos que dar unha resposta, ese é o noso traballo tamén"

Sobre o xuízo do Alvia, Ana Miranda di que lle acaba de escribir á comisaria Europea sobre o asunto e ese procedemento de infracción que se abriu a raíz da súa denuncia e tamén do informe da Axencia Ferroviaria Europea de 2016. "A nosa denuncia do 2017, que nos digan xa que está facendo o Estado Español, que non fixo nada para controlar e mellorar esa seguridade ferroviaria, e estamos nove anos despois do accidente".

Explica Miranda que lle pediu unha entrevista á comisaria e que tamén lle enviou as aclaracións das "presións que houbo no seu momento da señora Pastor" co tema do informe da Axencia Ferroviaria. "Creo que hai que ser honestos e trasladar as problemáticas. Por sorte, a Comisión Europea non se deixou influír naquel momento e publicou este informe que di que non foi un erro humano senón que hai causas de fondo e estruturais".

"Ás vítimas creo que lles temos que dar unha resposta, ese é o noso traballo tamén".

"É importante que se fale politicamente de saúde mental porque era un tema moi agochado"

Sobre a saúde mental di Ana Miranda que é moi interesante que se fale politicamente do problema porque estaba moi agochado: "A min tocoume persoalmente co meu pai, porque desgraciadamente enfermou cando a miña nai lle detectaron alzhéimer. Por desgraza, os dous faleceron. Por iso dicía que para min foi un tempo difícil. Enfronteime de repente a un mundo descoñecido, como era o trastorno bipolar. Consultas psiquiátricas, hospitalizacións no Álvaro Cunqueiro, e coñecin un mundo de profesionais impresionante. Hai que falar dese tema, e eu teño esa obriga como política, porque me poño na pel dos que o sofren".

Explica a eurodeputada do BNG que onte tivo a oportunidade de falar coa comisaria: "Falar de que se necesitan máis recursos, máis aposta pública; non é normal o número de psicólogos e psiquiatras que hai na sanidade pública, na sanidade pública galega, por exemplo".

"Estou entusiasmada nesta etapa porque o pobo galego reforzou tamén o noso apoio, pasamos de 80.000 votos a 173.000, co cal, viuse ben o noso traballo, e agradézoo desde aquí ao noso pobo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade