Ana Pontón di que o seu resultado rompe con todos os teitos electorais do BNG, pero é insuficiente
Ana Pontón di que o seu resultado rompe con todos os teitos electorais do BNG, pero é insuficiente
Pontón di que o seu obxectivo era conseguir un cambio de goberno liderado polo BNG e entende que moitas persoas estean decepcionadas
Ana Pontón agradeceu o voto aos 455.000 votantes que elevaron o BNG por riba de todos os seus teitos electorais.
A formación nacionalista conseguiu 25 deputados, dous máis dos que tiña por cada provincia atlántica, pola A Coruña e Pontevedra, e un a maiores en Lugo e outro en Ourense. Sumou 155.000 votos máis que nas anteriores eleccións e foi a forza máis votada na cidade de Vigo. Ana Pontón fala dun resultado extraordinario, pero insuficiente, recoñece.
É un resultado histórico para o Bloque, pero "insuficiente".
"Este resultado para nós é insuficiente porque o noso obxectivo era abrir un tempo novo e darlles aos galegos un goberno liderado polo BNG", dixo na súa comparecencia a líder do partido nacionalista.
Ana Pontón entende que "hai persoas que nestes momentos están decepcionadas" e dixo compartir esa decepción.
Pero Pontón tamén dixo que este resultado indica que "Galicia xa cambiou, esta campaña cambiouno todo e nunca nada volverá ser igual", expresou.
"Os grandes cambios non son fáciles, sabemos que hai que pelexalos. Aquí vai haber unha organización e un grupo parlamentario forte para dar a cara por toda a cidadanía".
Pontón pediu aos seus votantes "que manteñan intacta a ilusión e a esperanza" porque a súa confianza "vai servir para que haxa unha alternativa forte traballando no Parlamento".
"Hoxe non acaba nada. Estamos máis fortes e con máis enerxía para traballar por este país", reiterou e remarcou que o PP debería entender que "tamén hai miles de galegos que lle deron un toque de atención nas urnas aínda que mantivesen a súa maioría absoluta".
Segundo Pontón, agora o seu partido debe ver como seguir alargando as súas bases, porque nos últimos anos demostraron que a formación "non ten teito" e que van "a por todas sempre".
Pontón deu as grazas a toda a militancia e aos simpatizantes, pola que cualificou, "con toda humildade", de "campañón".