Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana Pontón: "O BNG vai dar un gran salto adiante nestas eleccións"

Ana Pontón: "O BNG vai dar un gran salto adiante nestas eleccións"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confía en que a xestión dos gobernos locais do BNG se traduza en bos resultados nas vindeiras eleccións municipais

Nunha entrevista na Radio Galega, Pontón asegura que os concellos gobernados polo BNG "son un exemplo de capacidade de transformación en positivo, de avance e de modernización do país"

 

G24.gal 11/04/2023 09:46

Eleccións municipais

"Levo durante as últimas semanas percorrendo o país, vendo o ambiente que hai e vendo como esa corrente de ilusión e simpatía arredor do BNG medra e medra. O mellor indicativo é que a xente responde ás convocatorias e desde a rúa nos anima a seguir cara a adiante".

"Teño unha convicción: o BNG vai dar un gran salto nestas eleccións. Imos presentar máis candidaturas e imos ter máis alcaldes e alcaldesas e máis concelleiros e concelleiras. Os gobernos locais do BNG son un exemplo de capacidade de transformación en positivo, de avance, de modernización do país. Vamos a por todas".

Sanidade pública

"O que vexo é un cansazo moi grande coas políticas do PP e a preocupación da xente co que está pasando coa sanidade pública. Nos gobernos do PP recortáronse 2.339 millóns de euros en Atención Primaria. O PP ten un obxectivo moi claro: recorta e deteriora a sanidade pública para beneficiar á privada. O que se publica sobre as listas de espera non é real. Hai milleiros de citas que están en caixóns e non se contabilizan nunca nas listas de espera. En sanidade a propaganda non vale. Todos pasamos polo sistema sanitario público e vemos o que hai".  

 

Lei de liberdade sexual

"Se a lei ten un problema, había que solucionar ese problema. Pero hai unha liña vermella e é que non se toque o consentimento: hai que poñer o consentimento no centro. Estamos vendo que algunhas das sentenzas se están revisando porque non eran firmes e hai un criterio da Fiscalía que non comparte a aplicación que se estaba facendo. O que me parece desprezable é que se queira utilizar este tema para facer 'carroñeirismo' político. Paréceme das cousas máis fortes que levo visto".

Transición enerxética

"Resúltame moi complicado poder valorar os anuncios que fai a Xunta, entre outras cousas porque cando lle preguntan ao presidente da Xunta se esa futura compañía (que de momento é só un titular) vai ser maioritariamente pública ou privada, non é capaz de aclarar ese extremo. O que estamos vendo é fume para intentar tapar a responsabilidade que ten o PP no espolio eólico deste país e na destrución do noso territorio".

"Nós dámoslle un si rotundo á enerxía eólica, pero non en calquera lugar. O que non pode ser é que as eléctricas estean por riba de todo. Que Naturgy, Endesa e Iberdrola queiran poñerse por diante da xente do mar. Iso é hipotecar o noso futuro".

Transferencia da AP-9

"Cómpre lembrar que nesta lexislatura se produciu unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9, algo que nunca acontecera. Nós non tiramos a toalla para que se transfira a Galicia a xestión da AP-9, pero o PP e o PSOE non deixan de poñer paus nas rodas en Madrid á proposta. O noso proxecto é que a AP-9 que leva anos amortizada estea por fin libre de peaxes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade