Publicador de contidos
Publicador de contidos

Andaina contra a vida sedentaria no Día Mundial da Obesidade

Andaina contra a vida sedentaria no Día Mundial da Obesidade

A metade da poboación galega adulta ten sobrepeso, segundo datos da OCDE

A meta do plan de Sanidade é reducir o sobrepeso nun 15 % da poboación ata 2030

Saída do Monte do Gozo da andaina "Gastamos pista"
G24.gal 04/03/2023 14:39 Última actualización 04/03/2023 15:00

A metade da poboación galega adulta ten sobrepeso, segundo os datos recollidos pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico.

No Día Mundial da Obesidade, a Consellería de Sanidade quixo visibilizar este problema de saúde pública coa andaina "Gastamos pista", para fomentar un estilo de vida menos sedentario e unha alimentación equilibrada. 

Promovida dentro do Plan de obesidade cero, da dirección xeral de Saúde Pública, percorreu cinco quilómetros, desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro.

Foi algo máis dunha hora de camiñada para aproximarse á recomendación da Organización Mundial da Saúde, de facer 10.000 pasos ao día para manterse en forma.

A meta do plan de Sanidade é reducir o sobrepeso nun 15 % da poboación ata 2030, como declarou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

"Poñer en valor o noso Plan de obesidade cero, que aprobamos hai pouco tempo no Parlamento e que estamos desenvolvendo. Esta iniciativa forma parte dese proxecto, que é moi ambicioso, a 8 anos vista, que pretende facer unha redución importante no número de persoas con sobrepeso e obesidade que temos en Galicia. Igual ca no resto de España é un dato que nos fai estar preocupados e require poñer en marcha as iniciativas".

Desde mediados dos anos 70 a obesidade triplicouse no mundo e con ela o desenvolvemento de enfermidades crónicas, como as cardiovasculares ou a diabetes. Acabar co sedentarismo, tamén nos máis pequenos, é un dos obxectivos deste plan.  

"Eu fun obeso infantil, co cal vivino nas miñas carnes. É moi difícil. Xa naquela época non era doado evitalo. Agora mesmo é moito máis difícil nos nenos, salvo aqueles que teñen actividades programadas, que van a fútbol, baloncesto... Por exemplo, o meu pequeno é un neno bastante sedentario, entón se o deixas está sempre cos videoxogos. Sempre é unha guerra intentar que saian da casa", explica un participante. 

Por iso o plan ten dentro dos seus eixes estratéxicos o ámbito escolar e sociocultural para previr a obesidade desde as idades máis temperás e que os hábitos de vida saudables se manteñan ata a vellez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade