Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ángeles Vázquez viaxa a Bruxelas para esixir ao tribunal europeo "criterios claros" para tramitar eólicos

Ángeles Vázquez viaxa a Bruxelas para esixir ao tribunal europeo "criterios claros" para tramitar eólicos

A conselleira aproveitará para presentar a lei de administración ambiental

G24.gal 10/09/2024 18:24 Última actualización 10/09/2024 22:26

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático Ángeles Vázquez estará a partir deste mércores en Bruxelas para abordar con diferentes autoridades comunitarias a situación do sector eólico galego.

Entre os asuntos para tratar, esixirá ao Tribunal de Xustiza Europeo "criterios claros" á hora de tramitar parques eólicos.

A conselleira trasladará aos respresentantes comunitarios o compromiso do Goberno galego de "continuar garantindo un modelo eólico ordenado que se desenvolva desde a máxima transparencia e participación" e, ademais, estea avalado por unha "rigorosa" tramitación ambiental.

Ángeles Vázquez reunirase pola mañá co director xeneral do Servizo Xurídico da Comisión Europea, Daniel Calleja, para analizar a cuestión prexudicial que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) presentou ante o Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea tras o apoio do Tribunal Supremo á decisión da Xunta de xestionar simultaneamente procedementos de información pública durante a tramitación dos parques eólicos.

Lembran que se aplica así a lei estatal básica de avaliación ambiental.

O TSXG argumentaba nas sentenzas anulatorias do procedemento que primeiro se tiñan que solicitar os informes sectoriais e, a continuación, trasladarllos á cidadanía.

A este respecto, a conselleira incidirá na "urxencia" de que o tribunal europeo estableza "criterios claros" de tramitación e outorgue "seguridade xurídica" a un sector "clave" na protección do medio ambiente e no obxectivo de alcanzar a neutralidade climática "canto antes".

LEI DE ADMINISTRACIÓN AMBIENTAL

A partir das 14:00 horas, Ángeles Vázquez tamén se reunirá co director de Biodiversidade da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Humberto Delgado, a quen trasladará o firme compromiso da Administración galega co desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables.

Nesta liña, aproveitará para informar os representantes comunitarios da preparación por parte da Xunta da lei de administración ambiental simplificada, coa que buscan "contribuír á transición cara a un novo modelo produtivo máis sostible e eficiente".

Esta normativa pretende reforzar a seguridade xurídica dos proxectos para garantir "o imprescindible equilibrio" entre o desenvolvemento das distintas iniciativas e a protección do medio natural, e "unificar e actualizar" a regulación nesta materia e adaptar a normativa europea aos novos retos climáticos.

A responsable do departamento autonómico de Medio Ambiente aproveitará a súa estada na capital belga para reunirse tamén co director de Transición Verde e Integración do Sistema Enerxético, Lukasz Kolinski, e co representante permanente de España ante a Unión Europea, Marcos Alonso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade