Na aldea de Puxedo, en Lobios, levan ano e medio agardando pola fibra óptica por falta de tendido
Na aldea de Puxedo, en Lobios, levan ano e medio agardando pola fibra óptica por falta de tendido
Os veciños, que demandan o servizo para os seus negocios e as súas xestións diarias, din estar fartos de presentar reclamacións
En Puxedo levan ano e medio agardando pola colocación dunha instalación que lles permita utilizar a fibra óptica na aldea. Un servizo indispensable din, para os negocios e necesario para moitos veciños da aldea. Din que están fartos de presentar reclamacións e algúns denuncian que mesmo chegaron a pagar varios recibos dun servizo que nunca tiveron.
Nesta aldea de Puxedo, en pleno Xurés, os veciños levan tempo cunha queixa para a que non teñen resposta nin explicación. Ata aquí chegou a fibra óptica hai xa ano e medio, pero non así os postes para os cables. Así que os veciños seguen sen servizo.
"A fibra si a temos na aldea, pero as casas que están un pouquiño máis retiradas non lle alcanza, teñen que poñer os postes e non os poñen, e mentres non haxa postes non poden poñer a fibra e iso que a fibra está na aldea".
Din estar cansos de interpoñer reclamacións e algúns deles mesmo chegaron a pagar por un servizo que nunca tiveron.
"Viñan os señores para mirar os postes, levaban o informe e viñan os de poñer a fibra de alí a un pouco chegaban aquí e dicían: pero se non hai postes! pois se non hai postes non hai fibra. A min cobráronme mesmo sen pola, deixei de pagar no banco porque non puxeran a fibra".
En Puxedo levan anos loitando contra o feísmo por iso quéixanse ademais desta instalación provisional que fixeron hai seis meses para darlles o servizo a só catro vivendas da aldea, sen ter en conta que se trata dunha zona protexida por Patrimonio. Pero hai máis problemas.
"Agora calquera trámite que queres facer é todo telematicamente, temos mesmo algunha xente nova que quere traballar dende aquí, teletraballar, e non hai. Algúns negocios que hai na aldea como casas rurais toda a xente que ven diche hai fibra? pois non, está alí na entrada da aldea porque non temos postes".
Lembran que no seu día a fibra chegou á aldea grazas a unha subvención pública que incluía tamén a distribución do servizo. Por iso piden a axuda das administracións para darlle unha solución definitiva ao seu problema.