Aumenta a circulación de virus respiratorios e as autoridades sanitarias chaman a vacinarse canto antes

Aos casos de covid, estables desde hai tres meses, súmase o pico do virus sincitial e o comezo da vaga de gripe

G24.gal 07/12/2023 14:16

O frío destes días está abrindo o paso á onda de gripe estacional. O pico aínda está por chegar, pero xa se rexistran moitos casos e en todas as áreas sanitarias. Como o ano pasado, esta primeira vaga está sendo de gripe A. As autoridades sanitarias cren que podería haber unha segunda vaga de gripe B, como pasou o inverno pasado.

Por todo iso é importante vacinarse. Pero este ano a adherencia á campaña está algo por baixo do habitual: só un 40 % en nenos e un 65 % en adultos. 

"Facemos un chamamento, porque aínda estamos a tempo para que todos se vacinen: podemos facelo, de gripe e covid, ata o 31 de decembro. É importante, porque a maioría dos ingresos por gripe son maiores de 65 e nenos menores de catro anos", di Carmen Durán Parrondo, a directora xeral de Saúde Pública. 

No caso dos nenos, para ofrecer a máxima flexibilidade, volverase facer un chamamento masivo para que os menores de 5 anos se vacinen contra a gripe nos hospitais na fin de semana do 16 de decembro. No caso do virus sincitial, a alta taxa de vacinación, que supera o 93 por cento nos nenos, reduciu drasticamente os ingresos hospitalarios dos bebés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade