Publicador de contidos
Publicador de contidos

Antonio Valín apela a practicar a caridade na súa toma de posesión como bispo de Tui-Vigo

Antonio Valín apela a practicar a caridade na súa toma de posesión como bispo de Tui-Vigo

A catedral de Tui albergou a súa ordenación episcopal e a toma de posesión ante un milleiro de invitados

Antonio Valín toma posesión como bispo de Tui-Vigo este sábado Antonio Valín toma posesión como bispo de Tui-Vigo este sábado
G24.gal 21/07/2024 11:48

Preto dun milleiro de persoas participou este sábado na ordenación episcopal do novo bispo da diocese de Tui-Vigo, Antonio Valín, anterior vigairo xeral da diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Ao solemne acto asistiron, entre outros, o arcebispo ordenante, Francisco José Prieto; o cardeal Ricardo Blázquez; o nuncio do papa, Bernardito Cleopas Auza; os bispos das dioceses galegas e próximas de Braga, O Porto e León, ademais de autoridades da Xunta de Galicia, rexedores dos cabidos da diocese e outras autoridades civís e militares.

Valín substitúe no cargo a Luis Quinteiro Fiuza, que presentou a finais de xuño de 2022 a súa renuncia tras cumprir 75 anos, tal e como ordena o Dereito Canónico.

A recepción do novo bispo comezou coa súa saída do seminario menor San Paio, acompañado polo nuncio do papa e membros do Colexio de Consultores da Diocese de Tui-Vigo, que percorreron o Paseo da Corredera ata a antiga porta das murallas, Porta Pía, onde foi recibido por membros da corporación municipal da cidade. Pola praza de San Fernando ascendeu ata a catedral na que o deán, en representación do Cabido, lle entregou o 'Lignum Crucis' para que o bicase.

Posteriormente, o bispo electo regouno con auga bendita, antes de rezar uns instantes ante o Santísimo e a imaxe de San Telmo. Con solemnes trompetas, o coro e a orquestra deron a benvida.

"Don Antonio é para nós o signo de predilección de Dios", sinalou o bispo emérito Luis Quinteiro, que agradeceu "infinitamente" a axuda recibida durante o seu episcopado.

Canda 18 prelados de España e Portugal, exerceu como principal bispo consagrante o arcebispo de Compostela, Francisco José Prieto, quen, durante a súa intervención compartiu un desexo como esforzo pastoral: "Tratemos de deixar atrás os refuxios das rutinas que nos acomodan ou os fundamentalismos de calquera signo que nos atrincheiraron e cegado".

"Temos unha tarefa común coa sociedade na que vivimos: construír xuntos espazos de convivencia e humanidade", expresou. Antes de concluír a celebración, Antonio Valín declarou que "só a urxencia da caridade é a que crea a civilización do amor, a que nos fai vivir na alegría, recuperar a esperanza e facernos crecer na ilusión".

"Necesito que soñen comigo desta maneira, necesito de todos vostedes neste esforzo, e que nunca nos cansemos de soñar. Desta maneira xuntos construiremos un mellor camiño, apoiándonos e animándonos uns a outros", engadiu no seu discurso tras ser proclamado xa bispo de Tui-Vigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade