Anxo Carracedo: "Un 2 ou 3 % do noso xenoma é neandertal"
Anxo Carracedo: "Un 2 ou 3 % do noso xenoma é neandertal"
O director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica define o novo Premio Nobel de Medicina, o científico sueco Svante Pääbo, como un revolucionario na comprensión da evolución humana
Nunha entrevista na Radio Galega, Anxo Carracedo salienta as principais contribucións do novo Premio Nobel ao estudo do ADN das diferentes especies de homínidos, desde os neardentais aos denisovanos, que deixaron a súa pegada no xenoma dos humanos actuais
O científico sueco Svante Pääbo é o novo Premio Nobel de Medicina polas súas contribucións ao estudo dos xenomas de homínidos extintos e á evolución humana.
O doutor Anxo Carracedo é un vello coñecido e colega de Svante Pääbo e cualifica o novo Nobel como un investigador revolucionario, creador dunha nova disciplina: a paleoxenómica.
"Fixo descubertas moi notables para comprender a evolución humana. Secuenciou o xenoma do neandertal e dos denisovanos. Fixo tamén achegas importantísimas sobre a evolución dos xenes da linguaxe, que teñen que ver con problemas de autismo e de comunicación. As súas contribucións son espectaculares".
Durante a entrevista, Anxo Carracedo subliñou ás achegas de Pääbo ao estudo do chamado ADN antigo, ao xenoma das diferentes subespecies do xénero homo que habitaron a terra antes da preponderancia do actual homo sapiens. Os estudos do científico sueco demostran que diferentes especies de homínidos se relacionaron entre si e deixaron a súa pegada no xenoma dos humanos actuais.
"O mesmo que aconteceu en Europa cos neardentais, aconteceu en Asia cos denisovanos e parte dos xenomas da poboación asiática actual leva ADN denisovano".
A mellora das técnicas de secuenciación de ADN en material fósil permitiulle ao equipo de Svante Pääbo investigar o xenoma de homínidos que viviron hai centos de milleiros de anos. De feito, lograron determinar que o ancestro común entre os neandertais e os humanos actuais habitou a terra hai 800.000 anos.
"As técnicas que desenvolveu o equipo de Pääbo de ADN antigo son utilísimas e están a ser usadas por laboratorios de medicina forense en todo o mundo".
Anxo Carracedo lembrou que o noso xenoma contén pegadas de especies de homínidos hoxe extintas. No caso dos humanos europeos, entre un 2 e un 3 por cento do noso ADN ten unha orixe neandertal.