Un voluntario topou o corpo sen vida do octoxenario desaparecido na Rúa
Un voluntario topou o corpo sen vida do octoxenario desaparecido na Rúa
Un amplo dispositivo andaba á súa procura dende o mércores
Estaba somerxido nun regato a 200 metros do seu domicilio
Un voluntario localizou o corpo sen vida do home de 81 anos desaparecido hai tres días na contorna de San Xulián, no concello da Rúa. Topouno somerxido no regato das Eiras, a douscentos metros do seu domicilio, nunha zona de difícil acceso.
Marino Macías, con problemas de oído e de visión, vivía coa súa irmá e co seu cuñado, que foi o último en velo contra as doce do mediodía do mércores.
Contan que acostumaba pasear polas pistas que hai arredor desta aldea de montaña, a máis alta do municipio. Con todo, nunca se afastaba e sempre volvía á casa.
Dende a desaparición, un amplo operativo andaba á súa procura. No dispositivo participaron dez patrullas da Garda Civil, incluído o Seprona, a sección de montaña e a unidade canina. Tamén Protección Civil da Rúa, a Policía Local, o GES do Barco, familiares e veciñanza.