Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro fitos dun tramo do Camiño Primitivo aparecen tirados en Castroverde

Catro fitos dun tramo do Camiño Primitivo aparecen tirados en Castroverde

Crese que se trata dun acto vandálico, posiblemente feito por varias persoas

Félix Aragunde 12/12/2022 13:37

Nun tramo de tres quilómetros do Camiño Primitivo apareceron tirados catro dos fitos que indican o itinerario. Sucedeu en Castroverde, entre os lugares de San Miguel do Camiño e Souto de Torres. Deron a voz de alarma uns peregrinos que percorrían esta ruta xacobea.

"Soubémolo a través dos peregrinos, e a min mandáronme fotos. Eu considero que partir da Penalonga foron para atrás, tiraron dous, e logo foron para adiante e imaxino que tiraron outros dous", di Manuel Muñiz, presidente de Amigos do Patrimonio de Castroverde.

A base das pedras está soterrada de forma que non caian soas, o que fai pensar que se trata dun acto vandálico feito a conciencia, posiblemente por varias persoas. Tampouco se desbota que se empregasen ferramentas, e incluso un vehículo, para poder derrubar os fitos.

"No Camiño había tempo que non se vía isto. Pode aparecer un tirado por causa dunha máquina, pero isto vese que foi a mantenta. Cunha persoa ou dúas como mínimo, porque están un pouco enterrados", explica Muñiz.

No mesmo Camiño Primitivo ao seu paso por Castroverde, moi preto do tramo afectado, este mesmo ano o cemiterio de Soutomerille tamén fora obxecto de actos vandálicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade