Aposta pola ovella galega, unha raza adaptada a nosa terra
Aposta pola ovella galega, unha raza adaptada a nosa terra
É quen de aproveitar todo tipo de terreo, ten menos complicacións nos partos ou enfermidades e produce con menos custos
David González coñeceu a raza autóctona galega hai quince anos cando decidiu facerse con catro ovellas para manter limpas as leiras. Hoxe en día conta cunha explotación con 70 exemplares para recría e quere chegar ao cento.
É un dos gandeiros da provincia de Ourense que decidiu apostar por esta raza en perigo de extinción. Destaca a súa maior resistencia ás enfermidades, as facilidades para o parto e a capacidade para aproveitar todo tipo de terreo.
Grazas o menor tamaño da súa cabeza e as súas patas chegan a todos os recunchos e son quen de comer dende toxos a xestas ou silvas. Todo isto fai que os custos de produción sexan menores, xa que o gando case non precisa suplemento, e a calidade de carne aumente.
Outra das vantaxes é para o medio ambiente: axudan a manter limpo o monte e afastan os lumes ademais de favorecer a biodiversidade. O proceso de recuperación desta raza en perigo de extinción comezou en 1999. Agora hai preto de 6.000 cabezas de gando de ovella galega nunha 90 explotacións.