Arde o coche dunha empresa de cobro de débedas nunha rúa de Arteixo
Arde o coche dunha empresa de cobro de débedas nunha rúa de Arteixo
Os veciños espertaron co ruído dunha explosión e alertaron a policía e os bombeiros
A policía investiga as causas do lume que calcinou un coche na parroquia arteixá de Vilarrodís. O vehículo pertence a unha empresa especializada no cobro de débedas, polo que hai quen conxectura que puido ser intencionado.
O coche ardeu a carón do baixo dun edificio da rúa Pérez Lugín. Levaba dous días aparcado alí. O incendio comezou sobre as sete da mañá na parte dianteira e alcanzou o vehículo que estaba estacionado diante del.
Os bombeiros de Arteixo conseguiron apagalo antes de que as lapas chegasen ao depósito de combustible. En apenas media hora, deron por finalizada a intervención, a última dunha noite e unha madrugada intensas.
Houbo varios colectores queimados e un lume nunha nave abandonada do concello limítrofe de Culleredo que acotío utilizan como refuxio varias persoas sen fogar. A única que se atopaba nese momento no interior saíu ilesa.