Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arden cinco naves nun virulento incendio nun polígono industrial de Mos

Arden cinco naves nun virulento incendio nun polígono industrial de Mos

Polo momento descoñécense as causas do incendio

G24.gal 27/03/2022 21:09

Cinco naves quedaron calcinadas por completo no incendio que se declarou esta madrugada no Polígono industrial do Rebullón, no concello de Mos. Polo momento descoñécense as causas do lume.

"Ata que se realice toda a investigación non se pode saber a causa nin cal foi o foco. Afortunadamente non afectou un depósito de gasóleo que había nunha das naves e que podía facer máis complexa a extinción", explica José Antonio Grandas, subdirector de Protección Civil.

A magnitude do incendio obrigou a Xunta a activar o nivel 1 do Plan de Emerxencias de Galicia, que permitiu mobilizar bombeiros procedentes de Vigo, do Porriño, do Val Miñor, do Morrazo e mesmo do norte de Portugal. Sobre as 10 da mañá conseguiron controlalo. As naves calcinadas pertencen a empresas do sector do transporte, do téxtil, de embalaxe e de carretillas elevadoras. As perdas económicas son cuantiosas.

"Na nosa nave non quedou nada, nin material, nin desgrazadamente a estrutura que tiñamos de almacenaxe de entreplanta, que era unha estrutura de ferro bastante consolidada, e mesmo o teito e parte dos muros laterais viñéronse abaixo. Hai que reconstruila", explica Óscar Rodríguez, propietario dunha das naves afectadas. 

"As familias que están aquí presentes dicían que era o traballo de toda unha vida, e velo así desaparecer nunhas horas é durísimo", asegura Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos. 

A boa evolución do incendio permitiu retirar varias dotacións dos servizos de emerxencias desprazados ao lugar. A Xunta deu por desactivado o Plan Territorial de Emerxencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade