Arranca a campaña das eleccións municipais
Arranca a campaña das eleccións municipais
PPdeG, PSdeG e BNG elixiron Compostela para a apertura
2,3 millóns de galegos escollerán 3.705 edís en 313 concellos
Santiago foi a cidade de Galicia elixida polo Partido Popular, PSdeG e BNG. Vox estivo na Coruña para a simbólica pegada de carteis para as eleccións do 28 de maio.
Alfonso Rueda acompañou o candidato do Partido Popular á alcaldía de Santiago, Borja Verea, que estivo arroupado tamén por varios membros do partido.
Valentín González Fermoso estivo co candiadto socialista, Xosé Sánchez Bugallo. A nacionalista Ana Pontón arroupou a candidata de Santiago, Goretti Sanmartín. Eva Castro, candidata de Vox á alcaldía da Coruña, tamén pegou abriu a campaña coa pegada simbólica.
En España nestes comicios están en xogo, ademais das alcaldías, os gobernos autonómicos en 12 comunidades. O acto central de apertura de campaña dos populares foi en Badaxoz coa presencia do presidente do partido, Núñez Feijóo, que quixo apoiar o candidato á presidencia de Extramadura.
Os socialistas abriron a campaña en Valencia, coa presenza da vicepresidenta Nadia Calviño, sen o presidente Sánchez, que está de visita oficial nos Estados Unidos.
3.705 concelleiros nos 313 concellos
Un total de 2.271.386 persoas están chamadas ás urnas en Galicia o próximo 28 de maio para elixir aos 3.705 concelleiros que hai en xogo nos 313 municipios da comunidade. Tamén se decidirá a repartición das catro deputacións provinciais -cuxos nomes se elixirán posteriormente polos propios edís locais- e a composición das nove entidades locais menores.
En 2019, cunha cifra similar de cidadáns con dereito a voto, a participación foi de 1.523.772 persoas, un 67,82 % do total, un aumento de case un 2 % respecto a 2015. Os municipios suman 1.175 listas electorais e 161 partidos, entre os que o PPdeG estará presente en todos os concellos, o PSdeG en 305 e o BNG en 265. O 28 de maio escóllense 16 concelleiros menos que nos anteriores comicios.
O voto por correo pode solicitarse ata o 18 de maio e depositarse ata o día 24. As votacións desenvolveranse en 3.960 mesas electorais e co despregadura de 6.849 axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado. As urnas abrirán ás 9 horas e pecharán ás 20 horas, con dous avances de participación ás 14 e ás 18 horas, e o reconto para partir do peche.
Nas eleccións municipais están chamados ás urnas, ademais dos cidadáns españois, tamén aqueles residentes que sexan da Unión Europea ou dos seguintes países: Bolivia, Cabo Verde, Chile, Colombia, Corea, O Ecuador, Islandia, Noruega, Nova Zelandia, Paraguai, O Perú, o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte e Trinidad e Tobago.