Javillo, considerado un dos capos da heroína, nega a súa participación na operación Reditus
Javillo, considerado un dos capos da heroína, nega a súa participación na operación Reditus
Francisco Javier Janeiro, alias Javillo, fora detido nunha área de servizo de Sanxenxo en 2021
Na operación incautáronse de 5,6 quilos de heroína, 4 de cocaína e 35 de haxix
Arranca na Audiencia Provincial de Ourense o xuízo da operacion Reditus, que desmantelou a finais de 2021 unha rede de tráfico de drogas a pequena e mediana escala. Incautáranse daquela de case 6 quilos de heroína, catro de cocaína e 35 de haxix.
Hai nove persoas imputadas na causa, entre elas, o presunto líder da organización, Francisco Javier Janeiro, alias Javillo. Está considerado un dos capos galegos da heroína.
Prendérono nun área de servizo de Sanxenxo, en decembro de 2021, logo de que supostamente quedara con outro dos imputados para recoller un cargamento de heroína. Serían algo máis de 5 quilos que os axentes atoparon camuflados no coche do colombiano que presuntamente tiña que reunirse con el.
O arousán xa tiña pendente daquela unha condena de oito anos por tráfico de drogas. Por esta operación Reditus a Fiscalía pide para el outros oito anos de cadea e 50.000 euros de multa.
Na súa declaración, Javillo negou ter relación algunha cos feitos que se lle imputan. Dixo que dende a última condena retirarase por completo do narcotráfico, e que comezara a dedicarse a outros negocios como -por exemplo- a venda de berberecho en Portonovo. A defensa pediu a nulidade das probas practicadas na investigación.
Entenden que "as entradas e rexistros, incluso as intervencións telefónicas e o balizamento de vehículos son realizadas con carácter prospectivo", explica o avogado Luis Manuel Salgado. Por tanto, cre que "conculcan dereitos fundamentais dos acusados".
Canda Javillo sentan a súa exmuller e o fillo de ambos, considerados o clan organizador da rede de tráfico. Para eles piden respectivamente oito e seis anos e medio de prisión.
Os outros seis imputados participarían como provedores ou distribuidores das substancias, ben heroína, cocaína ou haxix. Usaban vehículos preparados con dobre fondo para agochar a droga, que supostamente cargaban e descargaban nun garaxe en Ourense.
A previsión é que o xuízo poida quedar este xoves visto para sentenza. En total, os nove imputados enfróntanse a penas de 47 anos de prisión por delitos contra a saúde publica.