Arranca, coa selección do xurado, o xuízo polo crime de Toques
Arranca, coa selección do xurado, o xuízo polo crime de Toques
Os tres acusados, que están en liberdade, declararán na derradeira xornada do xuízo
A selección do xurado popular consumiu a primeira xornada do xuízo. Segundo o escrito da fiscalía, os acusados, dous irmáns que residían xuntos, e a vítima, eran veciños e a súa relación era moi mala.
O ministerio público sitúa o crime na tarde do 27 de marzo de 2019, cando o falecido se atopou cos dous irmáns. Iniciaron unha discusión que derivou nunha pelexa, na que a vítima, de 59 anos, recibiu tres golpes na cabeza cun obxecto similar a unha maza que lle provocaron a morte.
Segundo o seu relato dos feitos, a continuación os procesados chamaron un curmán seu para que lles axudase a agochar o crime. Así que os tres trasladaron o coche e o corpo do falecido ata unha área forestal do termo municipal de Toques.
Alí prendéronlle lume cunha garrafa de gasolina e abandonaron o lugar. A Fiscalía pide para cada un dos irmáns 18 anos e 5 meses de cadea. Para o terceiro acusado, seis anos de prisión.
O crime descubriuse porque o incendio forestal obrigou a intervir os servizos de extinción da Xunta que deron aviso á Garda Civil tras atopar o cadáver completamente calcinado.
Os tres acusados, que nestes momentos están en liberdade, declararán na derradeira xornada do xuízo, prevista para o 14 de xullo.