Arrinca a campaña da vieira na Arousa cun prezo pactado de seis euros o quilo
Arrinca a campaña da vieira na Arousa cun prezo pactado de seis euros o quilo
31 embarcacións de Cambados, Rianxo, Vilanova e A Illa traballaron na zona de Punta Ostreira desde primeira hora da mañá
Entre todas as embarcacións teñen unha cota de 4.000 quilos diarios, vendidos de antemán a dúas empresas en Cambados e Barro
Houbo que pelexar co vento e co mar picado, pero xa están as primeiras vieiras da campaña de Nadal.
"Estaba difícil traballar, pero collimos o cupo de hoxe, de 45 quilos por tripulante e 135 en total, somos tres mariñeiros por embarcación", explica Fernando Bugallo, un dos mariñeiros de Cambados.
"Din que ven bastante vieira, a ver como remata a semana, pero as perspectivas son boas para a campaña", engade Manuel Domínguez, o administrador da lonxa de Cambados.
31 embarcacións de Cambados, Rianxo, Vilanova e a Illa traballaron na zona de punta Ostreira desde primeira hora da mañá. Tal e como adiantaron as mostraxes, hai recurso abundante e de tamaño comercial.
"O mínimo legal son 10 centímetros, pero nós subimos a once e medio, porque así acada maior valor comercial ao ser máis grande", comenta Manuel.
Entre todas as embarcacións teñen unha cota de 4.000 quilos diarios, vendidos de antemán a dúas empresas en Cambados e Barro. O prezo pactado é de seis euros o quilo e a campaña prolongarase ata Reis.
"A vieira para nós é unha saída importante porque nós vendemos tamén ameixa e berberecho e este ano case non temos ameixa para a campaña de Nadal", di Manuel.
Pasados os controis da lonxa, as vieiras serán depuradas e evisceradas. Chegarán así con todas as garantías sanitarias aos mercados onde, de seguro, moitos agardan xa para poder probalas.