Arrinca a temporada de inverno na estación de Manzaneda coa ocupación completa
Arrinca a temporada de inverno na estación de Manzaneda coa ocupación completa
A estación está ao 100 % de ocupación, malia a escasa neve prevista
Os restaurantes dos arredores, tamén a tope
Mañá arrinca a temporada de inverno na estación de montaña de Manzaneda, coma no resto de España, e hai previsión de neve, iso si, escasa. Para a fin de semana dan acumulacións de ata 5 centímetros, insuficientes para esquiar, pero a estación está ao completo, grazas ao programa Montaña en Familia da Xunta, con actividades alternativas.
Víctor Manuel Pico Romero, director da estación de Manzaneda: "O parque multiaventura, facémoslles xogos, rutas de sendeirismo, se hai algo de neve introducímolos nas raquetas...".
O inicio da temporada, que se prolongará ata o 17 de abril, tamén é ben recibido polos negocios da zona, especialmente na hostalería. Os restaurantes contemplan bos datos de ocupación para a fin de semana: "Nós estamos a tope para esta fin de semana, no restaurante", sinala Anxo, do restaurante La Viuda de Trives. "Xa non reservamos máis porque estamos completos. Ademais, coas restricións, xa non estamos facendo máis reservas", corrobora Isabel Prada, do restaurante Agenor.
Non ocorre o mesmo co aloxamento. Para iso fai falta que haxa neve.
"Pasamos dunha ocupación do 20 % ao 1.000 %, que se tiveramos 500 camas, 500 camas se ocuparían", conclúe Anxo, en referencia aos días en que as pistas de esquí están operativas.