Publicador de contidos
Publicador de contidos

Artesáns do coiro promoven o seu oficio en Allariz

Artesáns do coiro promoven o seu oficio en Allariz

Hai talleres sobre a manipulación deste material, conferencias e mesmo unha exposición con obras artísticas realizadas integramente en coiro

G24.gal 27/09/2024 13:57

No taller de trenzado de coiro que se está a impartir en Allariz, os participantes están moi concentrados. Á parte da habilidade coas mans, fai falta prestar moita atención para non cometer erros que poden frustrar horas de traballo.

Isaac Romero, artesán do coiro: "Temos uns 200 ou 300 pasos. Se cometes un erro ao principio e non te das conta, ao chegar ao final tes que tirar para atrás catro horas de traballo".

No curso participan, sobre todo, artesáns que buscan ideas e novas aplicacións para os seus traballos.

"Eu dedícome á guarnicionería e isto é unha maneira de ampliar coñecementos". "É unha técnica nova que seguramente poderei aplicar ás miñas pezas". "Estou alucinando. Moi bonito", comentan tres participantes.

As xornadas inclúen esta exposición con obras de artistas de toda España e tamén de fóra. Pretenden amosarnos que o coiro é un material non só útil, senón tamén moi versátil para aplicacións artísticas. Empregan distintas técnicas, en plano e con volume, desde moldeado a gravado ou pirogravado.

Miriam Campomar, organizadora das xornadas: "Os oficios, non só o do coiro, estanse perdendo, sen xente que siga traballando. O que queremos é poñer en valor o oficio, espertar interese".

Isaac Romero, artesán do coiro: "Para min, o coiro respecto á humanidade é o primeiro material de reciclaxe do ser humano".

Levan once edicións destas xornadas coas que pretenden manter vivo un dos oficios máis ancestrais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade