As abellas arrastran os efectos da seca
As abellas arrastran os efectos da seca
A redución na cantidade e calidade do pole provocou unha elevada mortaldade
Aos efectos do cambio climático súmanse a afectación pola praga da varroa e os danos da avespa velutina
Para pasar o inverno, as abellas teñen que ter reservas de alimento, pero a seca da primavera-verán complicouno todo: menos pole e de menos calidade que lles fixo afrontar a invernada máis débiles do normal.
"E a maiores, como todos os seres vivos, o que comemos aféctanos á inmunidade, sanidade... foi un cóctel molotov", engade Esther Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia.
A incidencia varía por zonas. A mortaldade foi máis elevada no interior que na costa, especialmente na provincia de Ourense, onde hai colmeas reducidas á metade.
Luis Portabales, apicultor: "Este inverno as baixas son do 50%. As colmeas quedan moi débiles e non son capaces de sobrelevalo".
O cambio nas condicións climáticas é unha das causas á que atribúen os apicultores esa mingua na produción, pero non a única. Tamén está a presión da velutina e a praga da varroa, que se volve cada vez máis resistente.
Esther Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia: "Se o pole é de menos calidade e hai menos reservas e, aínda por riba, as velutinas están facendo presión na colmea e non lles deixan saír ao campo, afecta moitísimo máis".
Obstáculos que obrigan os apicultores a un proceso constante de reciclaxe e adaptación.