As altas temperaturas adiantan 15 días a vendima na D. O. Monterrei
As altas temperaturas adiantan 15 días a vendima na D. O. Monterrei
Por agora empezaron coa recollida da uva tres adegas das 28 que conforman a Denominación de Orixe Monterrei
É unha das vendimas máis temperás dos últimos anos, adiantada polas altas temperaturas
Arranca a vendima na Denominación de Orixe Monterrei, onde prevén unha moi boa colleita en calidade e cantidade. As altas temperaturas da última semana axilizaron a maduración da uva e está xa no seu estado óptimo para a recollida.
"A uva hai que collela nun proceso de equilibrio entre o alcol e a acidez, agora énos o momento e decidimos empezar pola variedade máis precoz, que é a godello, e despois, en función do que nos marque a uva, iremos vendimando outras variedades como pode ser a treixadura e despois pasar ás tintas tamén", explica José Manuel Fernández Justo, dono da Adega Castro de Lobarzán.
"Espérase que sexa moi boa en calidade e tamén en cantidade", asegura Jonatás Gago García, o residente do Consello Regulador da D. O. Monterrei
Máis de 15 días antes do habitual comezou este ano a vendima na Denominación de Orixe Monterrei. Unha colleita que se agarda moi boa, malia que a climatoloxía condicionou os labores nas viñas. Na primavera por mor das treboadas e o exceso de auga e agora polas altas temperaturas.
As previsións do Consello Regulador son moi boas e agardan recoller algo máis dos 6,5 millóns de quilos do ano pasado.
Monterrei súmase ás outras tres denominacións de orixe, Valdeorras, O Ribeiro e a Ribeira Sacra, que xa comezaron a vendima en Galicia, unha das máis temperás dos últimos anos.