As bateas ecolóxicas xa teñen o seu propio distintivo en Galicia
As bateas ecolóxicas xa teñen o seu propio distintivo en Galicia
Identificará ás 220 bateas que producen mexillón cos estándares máis altos de calidade
O mexillón ecolóxico galego facturou en 2022 máis de 4 millóns de euros
Un novo panel identifica unha batea de Vilanova de Arousa que produce mexillón ecolóxico. Pronto estará visible nas 220 que en toda a costa galega se dedican en exclusiva ao cultivo do molusco nunhas condicións especialmente estritas.
Francisco López, presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, explica que o regulamento abrangue "o número de cordas, a lonxitude das cordas, a calidade das augas, porque non todas as bateas poden producir mexillón ecolóxico".
Na última década, as vendas de produtos ecolóxicos galegos aumentaron case un 400 %. O ano pasado, isto traduciuse en 112 millóns de euros de facturación, o 20% procedentes do mar. O mexillón ecolóxico é un produto de éxito, sobre todo fóra das nosas fronteiras.
Juan Carlos Juncal, presidente da Asociación de Produtores Mexilloeiros San Amaro, conta que "o mercado vai crecendo. Expórtase sobre todo en fresco a Francia e Italia e en conserva a Centroeuropa e agora aos Estados Unidos".
Coa distribución destes distintivos, a Xunta quere apoiar un sector que se beneficia dun consumidor cada día máis esixente.
Alfonso Villares, conselleiro do Mar, di que "falamos nestes produtos ecolóxicos da protección do medio ambiente, do benestar dos animais, da conservación dos mares. Eses conceptos están cada vez máis presentes no día a día de todos os consumidores".
En Galicia xa son máis de 1.500 os produtores dispostos a atender as necesidades deste novo mercado.