As candorcas actuán de novo: arremeten contra un veleiro a 26 millas da Coruña
As candorcas actuán de novo: arremeten contra un veleiro a 26 millas da Coruña
A bordo viaxaban dous adultos e tres nenos de nacionalidade norueguesa
Notificáronse 11 interaccións con estes cetáceos nunha semana
O Triola, un veleiro de bandeira norueguesa, foi a última embarcación que tivo un encontro con candorcas en augas galegas. Foi sobre a unha do mediodía do xoves a unhas 26 millas ao norte da Coruña.
Os cetáceos arremeteron en varias ocasións o temón, ata que conseguiron partilo e a embarcación quedou sen goberno, momento en que a tripulación decidiu pedir axuda.
Ata o lugar desprazouse a Salvamar Betelgeuse que atopou os cinco triplantes do Triola, dous adultos e tres nenos, moi nerviosos. Non é para menos xa que cando chegaron as candorcas estaban xirando o veleiro, duns 10 metros de eslora, coma se nada.
Tras comprobar que todos se atopaban ben de saúde remolcaron a embarcación ata a mariña da Coruña. Permaneceu alí ata o venres ao mediodía que foi trasladada á mariña seca para proceder á reparación dos danos.
Con este encontro xa son 11 interaccións con candorcas rexistradas na última semana.
Capitanía marítima da Coruña chegou a valorar a posibilidade de pechar a navegación nas zonas onde se producen máis encontros, pero a medida acabou descartándose debido á gran mobilidade das candorcas.