Publicador de contidos
Publicador de contidos

As carencias do tren e o custo da AP-9 colapsan os buses entre A Coruña e Ferrol

As carencias do tren e o custo da AP-9 colapsan os buses entre A Coruña e Ferrol

Os usuarios piden investimentos no tren para que poida funcionar como servizo de proximidade

G24.gal 02/10/2023 15:04

Olga vive en Pontedeume e estuda en Ferrol. A falta de servizos de tren déixanlle como única alternativa de transporte o autobús. "Tarda ás veces media hora, pero non me podo queixar moito porque polo menos tráeme", explica.

Coma ela son moitos os usuarios que se desprazan entre A Coruña e Ferrol tamén para traballar. O custo da autoestrada e os gastos do coche obrigan a buscar alternativas. "A autoestrada é carísima. Seis euros aínda cos descontos", di Teresa Vázquez da Plataforma para un transporte público digno en Ferrol.

A elevada demanda do transporte público por estrada está provocando colapsos especialmente nas horas punta. "O bus tiña que chegar hai dez minutos e aínda estou agardando".

Por iso piden que se fagan os investimentos necesarios para que o tren sexa unha alternativa. "O tren non é unha alternativa porque non hai servizo e ademais tarda moito máis que o autobús", afirman desde a plataforma.

Unha infraestrutura de principios do século XIX que impide que os tempos e as frecuencias do tren sexan unha opción de mobilidade nunha das áreas metropolitanas máis poboadas de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade