Publicador de contidos
Publicador de contidos

As causas da caída do escenario no Son do Camiño, pendentes dos informes periciais

As causas da caída do escenario no Son do Camiño, pendentes dos informes periciais

Inspectores de Traballo, do Instituto Galego de Seguridade e da Policía Nacional determinarán as circunstancias do suceso

G24.gal 11/06/2022 14:45 Última actualización 11/06/2022 15:22

Vinte e catro horas despois do derrubamento dunha parte do escenario do festival O Son do Camiño, no Monte do Gozo en Compostela, seguen a investigarse as causas que provocaron o colapso da estrutura e que deixaron dous operarios graves e outros catro con feridas leves. Persoal do Instituto Galego de Seguridade e de Inspección de Traballo estiveron no lugar dos feitos para elaborar un informe sobre as circunstancias do suceso.

"En canto ás causas, esperemos o informe da inspección de traballo como do ISGA, e tamén houbo un informe da Policía Nacional, que todo se trasladou ao xuíz. Onte pola tarde xa se levantou o precinto do recinto e a partir deste momento as empresas de guindastres traballan para retirar todos os ferros e deixar libre aquela zona",  manifestou o director xeral de Emerxencias de Galicia, Santiago Villanueva.

Dende esta dirección xeral sinalouse a importancia que tivo para minimizar a gravidade dos feridos a rapidez con que actuaron os equipos de rescate.

"A prioridade era rescatar os feridos, que non se producisen máis danos. A evacuación foi rapidísima por parte dos servizos sanitarios", apuntou Santiago Villanueva.

Ademais dos feridos e da investigación, a atención continúa tamén nos traballos acontecidos no Monte do Gozo para substituír a estrutura derrubada.

"Cómpre ir aos poucos. O escenario vello está moi danado, non serve, e a partir de aí, cos técnicos, veremos que se pode facer e cal é a situación", afirmou o director xeral.

O festival O Son do Camiño ten previsto botar a andar este vindeiro xoves con dezaseis actuacións e máis de corenta mil asistentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade