As comarcas do Eume, Ortegal e Ferrolterra limitan o consumo de auga potable
As comarcas do Eume, Ortegal e Ferrolterra limitan o consumo de auga potable
A prealerta por seca, decretada pola Xunta ante a merma das reservas hídricas, obriga os concellos do noroeste galego a tomar medidas
É unha das zonas con máis pluviosidade da península pero aquí, na esquina noroeste, tamén vai moita calor a hai moito que non chove.
Concellos como o de Pontedeume, tamén Ortigueira ou Cedeira, pídenlles aos veciños que non laven os coches nin reguen coa auga da traída.
Piden un consumo responsable que é aínda máis necesario se temos en conta que moitos destes municipios duplican ou triplican a súa poboación durante o período estival.
As reservas están moi por baixo do habitual nesta época do ano e a Xunta declarou a zona en prealerta por seca. En Cabanas, por exemplo, barallan cortar a auga nas duchas da praia, como xa fixeron en Valdoviño. Porque as captacións habituais quedan curtas.
"Temos en mínimos as captacións de auga, estamos recibindo arredor de 415 metros cúbicos ao día doutros concellos, como Pontedeume, e esperamos paliar a situación con estas medidas", explicou Fernando Couce, alcalde de Cabanas.
Medidas que a poboación dos concellos da zona, tamén Ares e Mugardos, coñecen e comparten.
Entre elas, cortar a billa ao lavar os dentes, sen deixar correr a auga, encher lavadoras e lavalouzas, reutilizar a auga de cociñar, e por suposto, non usar auga potable para regar ou lavar os coches poden servir para evitar que se teñan que facer cortes na subministración.