Publicador de contidos
Publicador de contidos

As confrarías galegas temen un 2024 aínda peor en vendas e capturas nas lonxas

As confrarías galegas temen un 2024 aínda peor en vendas e capturas nas lonxas

O presidente da Federación Galega de Confrarías valora como "negativa" a caída do ano pasado, en que se pescou e se facturou menos

José Antonio Pérez Sieira adianta que "non lle vai quedar máis remedio" ao sector pesqueiro que mobilizarse contra os plans da eólica mariña

Lonxa de Ribeira
G24.gal 29/02/2024 11:30

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, valora de xeito "negativo" o balance de 2023 nas lonxas galegas. Así o expresou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega. As confrarías galegas facturaron no 2023 un total de 412 millóns de euros, un 5,7 % menos ca no ano anterior.

As capturas en peixe e marisco tamén baixaron, neste caso nun 6,3 %, con capturas de 125.793 toneladas. O berberecho e a ameixa sufriron caídas de ata o 70 %. Unha das explicacións é polo exceso de auga doce que foi dar ao mar debido aos intensos temporais e polo aumento da temperatura do mar.

Tamén se pescou menos polbo, xurelo e xarda. No caso destas dúas especies, polos recortes de Bruxelas. No lado oposto, destacan as capturas de sardiña, grazas á recuperación da especie. Malia o descenso en capturas e facturación nas lonxas, o prezo medio nas lonxas do peixe e marisco foi uns céntimos superior ao de 2022. Situouse nos 3,28 euros, acadando nun novo máximo na serie histórica.

Das cinco lonxas grandes que hai en Galicia, a única que medrou en capturas e vendas foi a de Ribeira. A Coruña e Vigo retroceden en quilos, pero a viguesa segue sendo a que máis factura de toda Galicia: 88 millóns de euros. A lonxa de Burela é a cuarta que mais factura e pesca e a de Celeiro a quinta. 

O presidente da Federación Galega de Confrarías teme que este 2024 sexa peor en canto á facturación nas lonxas en Galicia. José Antonio Pérez Sieira di que "hai que ser optimistas, pero o que vemos é peor. Hai que darse de conta de que a frota está parada e os barcos do cerco empezan a subir para o País Vasco, eses barcos que traballan para a campaña do bocarte, da cabala, e esas vendas vanse facer no País Vasco. Hai que darse conta que outras cotas de pesca que temos son de risa, con cinco quilos diarios por barco de abadexo, cinco quilos por barco de raia mosaica, e agora levamos a sorpresa no tema da sardiña que son 2.000 toneladas menos, cando xa pouco xurelo temos".

Despois das protestas desta semana en Madrid cos agricultores e gandeiros, Pérez Sieira di que as novas normas europeas prexudican tamén á pesca porque aumentan os custos burocráticos e diminúen as capturas.

Afirma que "vimos reivindicando que para facer unha lei hai que coñecer o sector. Pasounos co desembarque das capturas, pasounos co tema do regulamento de control e estanos pasando con todo. Aí a burocracia estanos desmembrando totalmente a todo o sector primario. Aquí o que pedimos, e así o fixemos no último día que estivemos protestando en Madrid, é que se regulase a nova Lei da Restauración da Natureza [da Unión Europea] e vimos que nin caso nos fixeron e que ao día seguinte [polo martes] xa a aprobaron. Pero, ben, aí estamos e seguiremos pelexando".

O presidente da Federación Galega de Confraría alerta polo "problema enorme" que resulta a eólica mariña. O Ministerio de Transición Ecolóxica sacaba esta semana a exposición pública o real decreto que vai regular esas concesións de parques eólicos no mar e o sábado haberá unha reunión en Asturias para tratar de acordar mobilizacións por parte do sector pesqueiro.

Pérez Sieira avanza "que non nos vai quedar outro remedio" que convocar mobilizacións contra os POEM (Plans de Ordenación do Espazo Mariño). Xa o vimos reivindicando con tempo. Temos denunciado no Tribunal Constitucional os POEM. Di que a eólica mariña pode supoñer "a ruína total ao sector pesqueiro, non só galego senón tamén de Asturias, País Vasco, as Canarias e varias zonas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade