Publicador de contidos
Publicador de contidos

As confrarías consideran o acordo de cotas "moi malo" para a pesca artesanal galega

As confrarías consideran o acordo de cotas "moi malo" para a pesca artesanal galega

O presidente da Federación Galega de Confrarías afirma que está "frustrado" pola redución en especies como o abadexo, o xurelo e o linguado

José Antonio Pérez Sieira pensa que a situación dos caladoiros non xustifica os recortes nas especies máis habituais da pesca artesanal en Galicia

G24.gal 13/12/2023 09:18

O presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, cualifica de "moi malo" para a pesca artesanal de Galicia o acordo de cotas pesqueiras pactado onte no Consello Europeo de Pesca.

Neste senso, detalla que "falando do abadexo, hai un 53 % menos. Estamos sufrindo agora mesmo esta especie, que se nos pechou en novembro, que son os meses máis importantes para a pesca do abadexo [novembro e decembro] e aínda non abriu. Dicían que ían abrir a principios de decembro. Estamos sufrindo os danos que nos trae isto. Xa non falemos da cigala da oitava e da novena [zonas], un menos 5 %; do xurelo da oitava, un menos 1 %; a cabala, un - 5,4 %; a raia mosaico non abriu na nosa zona; o linguado, un menos 34 %. Para nós isto é fatídico".

O presidente da Federación Galega de Confrarías sinala que "estamos frustrados porque cada especie que pescamos, como un abadexo, un xurelo ou un linguado segundo na zona en que traballes, na novena ou na oitava C, tes que devolvelo ao mar e tes que usalo para descartes. Non é normal porque cada ano imos reducindo, reducindo".

Pérez Sieira afirma que a situación dos caladoiros non xustifica que se adopten recortes en especies habituais na pesca artesanal galega. "Por poñer un exemplo, a nosa raia mosaico é a especie que máis abunda nas rías galegas. En cambio non podemos pescar ningunha. O 90 % das raias que pescas son mosaico. Tes que devolvelas ao mar. Iso non coincide cos estudos que eles [a Comisión Europea] teñen".

"E como iso, moitas especies. Igual que pasa na cigala, igual que pasa no xurelo. Porque aumentou na novena se este ano pescamos pouco? En cambio aumentou na zona 9 e na oitava C diminuíu un 1 % cando tiñamos unha pesca casual. Por que diminuíu a cabala cando este ano vimos moitísima cabala?", explica.

O presidente da Federación Galega de Confrarías pensa "que se lles está facendo máis caso ao que din as ONG que aos estudos científicos". "De que imos vivir se case o 63 % do peixe que se está consumindo en España se está importando de fóra? Non sei en que imos dar con isto", lamenta.

Pérez Sieira asegura que para o conxunto do sector pesqueiro a suba en especies como pescada, rapante e peixe sapo non vai servir para compensar a baixada noutras máis habituais da pesca artesanal.

"Na pescada este ano foi moi ben, pero non esgotamos a cota. Se sobe? moi ben, pero aínda temos cota. No peixe sapo subiu tamén un 7,3 %, temos cota e seguimos pescando. No rapante, igual. Esas son unhas pesqueiras de altura que se van dedicar unicamente á pescada, ao peixe sapo e ao rapante. Pero o principal son esas outras pesqueiras ás que se dedican canta frota temos, que se dedican a esas outras especies, como por exemplo ao arrastre, ao cerco, ao palangre, a miños", di Pérez Sieira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade