Publicador de contidos
Publicador de contidos

As eléctricas cren que o Goberno debería "revisar" xa a excepción ibérica, que consideran unha subvención

As eléctricas cren que o Goberno debería "revisar" xa a excepción ibérica, que consideran unha subvención

A Directora de Regulación da Asociación de Empresas de Enerxía Eléctrica considera que a excepción ibérica debería ser revisada xa, porque foi unha medida puntual

Marta Castro: "As eléctricas non teñen beneficios extraordinarios"

A reforma do Goberno pode fragmentar o mercado europeo e que cada país pague un prezo diferente pola luz, di Marta Castro

 

G24.gal 23/01/2023 10:43

A economista Marta Castro é desde hai uns meses a Directora de Regulación da Asociación de Empresas de Enerxía Eléctrica. Este luns estivo na entrevista do Bos días para falar dun deses asuntos que levan os consumidores de cabeza nos últimos tempos, o prezo da luz. 

Na complicada crise en que vivimos desde hai case un par de anos, que se complicou coa invasión rusa de Ucraína, as eléctricas foron sinaladas como uns dos "malos da película". Nesa liña, o Goberno estableceu un imposto sobre os beneficios extraordinarios previsto na reforma do mercado eléctrico que o Goberno enviou a Europa. Unha reforma con que as eléctricas non están de acordo.

"Neste momento, enriba da mesa hai unha reforma que, ao noso xuízo, cambia a arquitectura do mercado como o entendemos e o Goberno pretende establecer un modelo baseado nunha planificación centralizada substituíndo o actual mercado. Esta reforma responde a un modelo que xa existía en España e en Europa hai 20 anos e que todos somos coñecedores das ineficiencias que pode carrear".

A reforma do Goberno pode fragmentar o mercado europeo e que cada país pague un prezo diferente pola luz, di Marta Castro

Sinala a Directora de Regulación da Asociación de Empresas de Enerxía Eléctrica que como proba de que é un modelo que non funciona: "Temos aeroportos sen avións ou pazos de congresos sen congresos. Esta proposta de modelo de mercado xera incerteza para realizar novos investimentos, especialmente en enerxías renovables, que son a clave para saír da crise".

"Esta reforma pode fragmentar o mercado europeo e que cada país pague un prezo diferente pola luz e que España non saia beneficiada".

Recoñece Marta Castro que a reforma prevista polo Goberno central tamén recolle: "Certos elementos que viñamos solicitando, como é o desenvolvemento deste mercado de capacidade, que fomenta poder executar investimentos que outorgan ao sistema unha maior flexibilidade e especialmente unha maior firmeza canda non haxa nin sol nin vento".

"As eléctricas non teñen beneficios extraordinarios", di Castro

A Directora de Regulación da Asociación de Empresas de Enerxía Eléctrica insiste en que as empresas eléctricas non teñen beneficios extraordinarios: "As medidas do Goberno viñeron a atallalos".

"Non existen estes beneficios por moitos motivos. O primeiro é que os prezos que se foron rexistrando a consecuencia da crise polo conflicto en Ucraína non son prezos que recibiran na súa totalidade as eléctricas. Só o 30 % da enerxía que se transacciona no mercado diario é o que recibe o prezo do pool; o 70 % da enerxía son contratos bilaterais con prezos pactados polas partes que non recolleron estes incrementos de prezos rexistrados".

"Non existen beneficios extraordinarios", insiste Marta Castro, e engade: "Non foron as eléctricas as que máis beneficios recolleron entre 2021 e 2022, en comparación cos obtidos polas empresas do gas, do petróleo eu refinados".

"Tamén o Goberno foi implementando unha serie de medidas, como establecer un límite aos ingresos que reciben as instalacións inframarxinais; refírome á nuclear e á hidráulica, que estas empresas teñen. E a maiores tivemos o mecanismo da excepción ibérica. Todas as medidas reguladoras foron xustamente encamiñadas a ir limitando os beneficios ordinarios".

O gravame ao sector eléctrico réstalles competitividade ás eléctricas españolas, salienta Marta Castro

"E a terceira medida que me parece relevante é o tema do gravame", indica a economista. Explica que ao sector eléctrico en España, que xa o fixo diferente de Europa, a maiores impúxoselle un gravame sobre ingresos e non sobre beneficios, como ocorrre en Europa. "Consideramos que en xeral non hai eses beneficios extraordinarios e ademais certas medidas restaron competitividade ás empresas eléctricas españolas en comparación coas europeas".

Recoñece a Directora de Regulación da Asociación de Empresas de Enerxía Eléctrica que hai diálogo co Goberno central na toma de medidas, pero non todo o que quixeran:

"É certo que tivemos as audiencias públicas necesarias co Goberno para a elaboración destas normas, pero botamos en falta na formulación da reforma do deseño do mercado que o Goberno de España presentou en Europa quizais a posibilidade de poder comentar e de ter feito un debate moito máis aberto, non só co sector eléctrico, tamén co sector académico, en liña co que fixeron outros países na Unión Europea, por exemplo como Francia".

"Consideramos que na excepción ibérica debería ser revisado o seu custo-beneficio"

Nestes días o prezo da luz estaba en España e Portugal arredor dos 50 euruos megawatio/hora, coa excepción ibérica. En Alemaña, Francia e outros países da UE, o prezo do MWh sobrepasaba os 170 euros. Da excepción ibérica estanse a beneficiar os consumidores e especialmente a industria.  Pero este mecanismo non convence as empresas eléctricas e insiste Marta Castro: "Debería ser revisado o seu custo-beneficio".

"A excepción ibérica foi un mecanismo que fixo que o prezo da electricidade se reduza. As consecuencias da aplicación ibérica tamén foron outras moitas e ao mellor non tan vantaxosas; produciuse unha subvención da enerxía de España cara a Francia, incrementáronse as exportacións e fixo  que se incrementase o consumo do gas natural, coas graves consecuencias que iso ten, porque Europa estanos pedindo medidas contrarias para poder fomentar a garantía de subministración e reducir a nosa dependencia de gas con Rusia".

"A excepción ibérica parécenos unha subvención encuberta a un combustible fósil", di Castro

"Parécenos unha subvención encuberta a un combustible fósil. Agora que o Goberno estendeu este mecanismo, consideramos que se debería revisar se é necesario e revisar o custo-beneficio, xa que esta medida naceu como unha medida excepcional, de carácter de urxencia, e consideramos que non debería converterse nunha medida de carácter estrutural, polas implicacións que ten".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade