Empresas galegas que explotan a resina queren emprender a súa transformación en Galicia
Empresas galegas que explotan a resina queren emprender a súa transformación en Galicia
Esta materia prima úsase na industria farmacéutica, a cosmética, a construción ou a alimentación
A resina de piñeiro é unha materia prima en que Galicia ten un gran potencial, pero a pouca que se recolle acaba por transformarse noutros países. Hoxe, en Tomiño, emprendedores do sector pediron apoio para esta industria incipiente.
É unha substancia cicatrizante, para autodefensa dos propios piñeiros. Pero a técnica que usan os operarios desta empresa de Tomiño para extraela non fai incisións que cheguen á madeira: só perforan a cortiza e o cambium, o material esponxoso que hai debaixo. Ademais, resinan as arbores que xa están en quenda de corta, para que a afectación sexa mínima.
Explotan en total 15.000 piñeiros, grazas a convenios e contratos con varias comunidades de montes, e conseguen 70 toneladas ao ano dun material que serve para a industria cosmética e tamén médica e alimentaria.
"Temos un competidor que é o petróleo, do que se sacan resinas sintéticas e a nosa loita é que non se use en alimentación", di Eduardo González, da empresa Laxes Ambiental.
É un material natural que serve para facer pintura, ou para fabricar remedios contra o herpes labial ou lambetadas. A conselleira de Industria subliñou a conveniencia de apoiar que este produto se transforme en Galicia.
"Hai subvencións interesantes para investimentos estratéxicos e todo isto é o que queremos ver con esta empresa galega que está innovando e creando emprego", declarou María Xesús Lorenzana, a Conselleira de Industria.
Subliñaron o potencial que ten o noso monte e a excelente calidade da resina galega.