Publicador de contidos
Publicador de contidos

As explotacións avícolas, pendentes da chegada de penso

As explotacións avícolas, pendentes da chegada de penso

Comeza a faltar espazo nas granxas, ao non iren os pitos ao matadoiro

Félix Aragunde 21/03/2022 13:26

Unha explotación avícola de Portomarín consome cada día uns 70.000 quilos de penso. De se esgotaren os silos, algúns dos cales xa están baleiros, suporía un grave problema de benestar animal. Sen alimento, os pitos comezarían a comerse entre eles.

Por outra parte, se teñen comida pero non hai quen os recolla para levalos ao matadoiro, seguirían medrando e faltaríalles espazo, algo que xa comeza a suceder. 

Juan Serrano, dono dunha explotación avícola: "Esta é unha cadea que non se pode romper, que funciona de forma perfecta. Se os animais non teñen penso, en avicultura prodúcese canibalismo. É algo moi grave".

A granxa produce medio millón de toneladas de carne cada dous meses. Se o produto non se transporta, habería que destruílo, posto que non hai capacidade para conxelalo.

Esta situación conduciría a un desabastecemento dos mercados e a un maior encarecemento da cesta da compra.

Juan Serrano, dono dunha explotación avícola: "Hai capacidade de matanza e de arrefriar un polo rápido, pero non hai capacidade de conxelación. Algún matadoiro co que traballo eu non pode almacenar os 300.000 polos que debe de estar matando diariamente ".

Coma esta explotación avícola, o resto das que hai no país están pendentes de que remate canto antes a folga de transportes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade