As familias do Villa de Pitanxo, satisfeitas polo informe pericial que sinala o patrón
As familias do Villa de Pitanxo, satisfeitas polo informe pericial que sinala o patrón
A voceira das familias, María José de Pazo, considera que o informe dos peritos vai ter "bastante peso" na causa e ve "preto" a apertura do xuízo oral
Confirma que o sábado 17 haberá un acto de homenaxe en Marín para recordar os 21 falecidos, coincidindo co segundo aniversario da traxedia
A voceira das familias dos 21 falecidos no sinistro do Villa de Pitanxo, María José de Pazo, amosou "satisfacción e alivio" despois de coñecerse as conclusións do informe dos peritos designados polo xuíz instrutor Ismael Moreno sobre as causas do sinistro.
O informe asegura que o sinistro tivo como "causa máis probable" un "erro humano" que atribúe ao patrón do Villa de Pitanxo, Juan Padín, por unha "falta de percepción cabal dos riscos de afundimento" pola manobra que realizaba para salvar a pesca en condicións de temporal.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, María José de Pazo destaca que o informe "vén das gravacións do fondo do mar e de gravacións que son tanxibles. Toda a xente do mar, que sabe un pouco, sabía que esa estratexia que tiñan a empresa Nores e o patrón non era veraz porque por parar un motor non se afunde un barco. E, por fin, quedou demostrado con feitos e con gravacións que iso non era certo".
Sobre a importancia deste informe, a voceira das familias das vítimas do Villa de Pitanxo pensa que "vai ter bastante peso porque, primeiro, é un informe de dous peritos designados polo maxistrado e, despois, que é un informe que ten moitas gravacións de moitas horas debaixo do mar".
Destaca que houbo unha "cadea de neglixencias por parte do patrón e da empresa armadora Nores" e salienta non se podería chegar a estas conclusións se non se chega a enviar un barco a Terra Nova con robots para inspeccionar o pecio.
Sobre a situación procesual da causa, María José de Pazo di que "moitas dilixencias de instrución, baixo o meu punto de vista, non deberían quedar. Penso que a apertura de xuízo oral está preto".
O día 15 fai dous anos do naufraxio e María José de Pazo confirma que se están ultimando os preparativos para unha homenaxe ás vítimas. Indica que "terá lugar o sábado 17 ás once e media da mañá en Marín, ao carón da placa conmemorativa dos 21 falecidos do Villa de Pitanxo".
Explica que "é un acto de homenaxe aos 21 falecidos, pero tamén engloba todo o mundo do mar. Para os que faltan, pero tamén para os que están navegando, que os respecten e que se lles dea aprecio. Con este sinistro quedou demostrado que á xente do mar trátannos como de segunda categoría, e iso non pode ser. Xa que eles non van volver nunca, o legado dos 21 do Pitanxo ten que ser que se lle dea o trato que se debe á xente do mar".