As familias de acollida piden máis acompañamento para fomentar o amparo de menores
As familias de acollida piden máis acompañamento para fomentar o amparo de menores
Defenden a mediación como ferramenta para a protección da infancia
O acollemento familiar é por lei a primeira medida do sistema de protección da infancia. Facilita aos menores vivir en familia temporalmente, mantendo o dereito que teñen ao contacto coas súas orixes.
Unha realidade que as familias acolledoras queren achegar á sociedade. Demandan máis apoio e o acompañamento das administracións.
Carmen Dourado é traballadora social e directora de Acougo, a asociación galega de familias acolledoras. Explica que "a pesar de que a lei prohibe expresamente que as crianzas menores de tres anos estean en centros, por circunstancias temos moitas en centros. Antes de 2026 os nenos e nenas menores de seis anos teñen que estar en acollemento familiar, non poden estar en acollemento residencial. Temos case trescentos nenos e nenas desas idades".
Entre as medidas que facilitan a cultura do acollemento destacan a mediación. Unha ferramenta ideal para solucionar problemas que se poidan dar coas familias biolóxicas ou coas administracións. É un espazo seguro para os menores. Evita xulgados e aforra en custo emocional.
Mercedes Sierra, avogada mediadora e presidenta de Cimega, asegura que "a nosa experiencia di que o 90 por cento das familias que acoden ao proceso de mediación resolven satisfactoriamente o seu conflito ou ben mellora moito a parte de comunicación entre as persoas".
O obxectivo é que nese camiño para que un menor poida retomar a súa vida haxa máis familias como a de Cristina que conta que a súa fin é "protexer, que os menores teñan un referente en nós sempre, un colchón. As vantaxes son infinitamente superiores ás dificultades que as hai, non?".
Algunhas salvables xa coa mediación.