Campaña nas farmacias coruñesas: 'Non sexas rosmón e toma a medicación'
Campaña nas farmacias coruñesas: 'Non sexas rosmón e toma a medicación'
Os boticarios queren concienciar da importancia de cumprir cos tratamentos médicos
Por esquecemento, dificultade na administración ou de xeito voluntario. Non rematar cun tratamento ten consecuencias. "E iso é o que temos que facerlle entender ao paciente. Se o médico cha prescribiu é porque a necesitas", explica Marga Muñoz, secretaria do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña.
Preguntando na rúa a lección parece aprendida. Pero a realidade que ve nas farmacias é outra. A metade das enquisadas na provincia da Coruña coinciden: os pacientes non cumpren cos tratamentos nunca ou case nunca. E hai o consenso noutra idea: abandonan as pautas médicas en canto senten melloría.
Os máis rigorosos son os pais con nenos. Os menos, os maiores. A presidenta do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain, di que "co problema que hai dos desabastecementos, dos cambios de caixas... se non identifican a medicación para o problema de saúde que teñen, practicamente é imposible que sexan adherentes ao tratamento".
Nunha farmacia, Joaquín, o seu propietario, confirma que hai "moito paciente envellecido, que vive só e que é moi complicado que faga un seguimento da medicación que lle corresponde como ten que tomala".
E niso incide a campaña co lema 'Non sexas rosmón e toma a medicación' posta en marcha colexio de farmacéuticos da Coruña. "Que o paciente saiba para que o está tomando, coñeza a súa patoloxía, e saiba como e canto tempo ten que tomalo. Iso é clave", aseguran.
Inciden en que a non adherencia é un problema para o sistema de saúde pública que repercute tamén no gasto sanitario. E animan o paciente a que consulte calquera dúbida.