As florarías e centros de xardinaría levan semanas con encargas para o día de Todos os Santos
As florarías e centros de xardinaría levan semanas con encargas para o día de Todos os Santos
A tendencia actual tanto en plantas, en centros coma en ramos de flores para o día de Todos os Santos é nos últimos tempos a cor, a alegría para honrar os nosos mortos
Os crisantemos ou a margarida de inverno, xa están reservados desde hai semanas
Os centros de xardinaría e as florarías levan semanas recibindo encargos para o Día de Todos os Santos, unha festividade que este ao cae en venres, dentro de trece días, e que conformará unha ponte festiva. Cada español gasta 40 euros de media en flores ou plantas para levar aos seus defuntos o 1 de novembro.
Cóntannos desde o sector dos viveiros e floristas que os encargos para o Día de Todos os Santos fanse cada vez con máis tempo de antelación. De feito, moito crisantemo, a margarida de inverno, xa están reservados desde hai semanas. Cada español gasta de media para o 1 de novembro 40 euros, segundo a Asociación Española de Floristas.
A tendencia desde hai unha década, no día de honrar os mortos, é a cor fronte ao branco que predominaba hai anos. O día que máis se vende é o da nai, seguido de San Valentín. Pode supoñer o vinte por cento da facturación anual, por tras do día da nai e o Día dos Defuntos, dentro de case dúas semanas.
Peranchi Fernández, do viveiro J. Flores de Lavadores, leva toda a vida dedicada ao negocio das plantas e das flores. Neste 2024 leva xa semanas, como ocorre todos os anos, recibindo encargas para o día de Todos os Santos. Todos estes crisantemos teñen xa un propietario, están etiquetados, mentres el e Ana os coidan ata o 31 de outubro ou o propio día 1 de novembro.
"Hai quince ou vinte días que xa empezamos a recibir encargos. E tamén algunha persoa que leva a planta e cóidaa ela na casa. Haberá persoas que che piden outras cousas, pero en xeral, crisantemos. Si que é certo que nos centros para os nichos a xente xa se vai moito a orquídeas, e cousas máis sofisticadas", conta a TVG Peranchi Fernández, a propietaria do viveiro J. Flores.
Para o día de Todos os Santos, ademais da sofisticación, a tendencia actual tanto en plantas, en centros coma en ramos de flores é a cor, a alegría para honrar os nosos mortos. Agora estamos no posto de flores de Montse, a carón do cemiterio de Pereiró. Tamén alí levan tempo recibindo encargas para defuntos.
"Hoxe xa é máis ben tarde para encargar. Porque nós temos que ter unha previsión da for que necesitamos para facer os centros. O branco e o amarelo, primordial. Pero si que é certo que agora a xente comeza a pedir máis cores", engade Irene Figueiroa, da floraría Montse a carón do cemiterio de Pereiró.
Flores fermosas, con cor, aínda que efémeras para manter vivo o recordo dos que xa non están no día de Todos os Santos.