As folgas en Iberia Express e Ryanair deixan sete atrasos en Santiago
As folgas en Iberia Express e Ryanair deixan sete atrasos en Santiago
A nova xornada de folgas dos tripulantes de cabina (TCP) de Iberia Express e Ryanair deixou este mércores catro voos cancelados e 256 atrasos -dos que sete corresponden a Ryanair en Santiago-, segundo o sindicato USO, convocante de ambas as protestas, xunto con Sitcpla, no caso da aeroliña irlandesa.
As catro cancelacións corresponden á filial de baixo custo de Iberia que anulou con antelación e de forma preventiva dous voos de ida e volta entre Madrid e Palma de Mallorca, e entre a capital de España e Gran Canaria, mentres que os atrasos, case na súa totalidade, corresponden a Rayanir, ao dispararse ata un total de 252.
Iberia Express, que ten previsto operar hoxe 99 voos, destacou, nun comunicado, que o 100 % dos 500 pasaxeiros afectados polas catro cancelacións xa foron recolocados ben noutros voos da aeroliña, en Iberia ou noutras compañías ou medios de transporte alternativos.
Ademais, de acordo con USO, na cuarta xornada de mobilizacións das dez previstas en Iberia Express, producíronse catro atrasos, todos eles en saídas, nos aeroportos de Madrid e As Palmas.
Con todo, a compañía, que recoñece catro voos con atrasos de máis de 15 minutos, achácaos "a motivos operativos, totalmente alleos á folga".
Ryanair, pola súa banda, non cancelou ningún voo, pero 252 sufriron atrasos, 106 deles en saídas, e 146 en chegadas, sendo Palma de Mallorca, Barcelona, Málaga e Madrid os aeroportos máis afectados.
Dos datos achegados por USO despréndese que a capital balear rexistrou 73 atrasos (31 en saídas e 42 en chegadas); Barcelona, 51; Málaga, 38, e Madrid, 30.
A folga dos tripulantes de Ryanair en España está convocada ata o 7 de xaneiro de 2023, con xornadas semanais de luns a xoves, mentres que a dos de Iberia Express, ata o próximo 6 de setembro.