O home agredido en Ferrol por recriminar ruído: "Sabían onde e como dar"
O home agredido en Ferrol por recriminar ruído: "Sabían onde e como dar"
A policía conta con que grazas ás camaras de seguridade que hai instaladas na zona, os agresores poidan ser identificados e detidos nas próximas horas
Custoulle caro chamarlle a atención a un grupo de mozos que facían ruído na rúa ás cinco da mañá. E di que se actuou así foi porque non se trata dun feito illado. "Saín para chamarlles a atención a uns e díxenlles que fosen facer iso á casa dos seus pais. Empezaron a insultarme e eu boteilles un vaso de auga, pero nin lles dixen nada", explica o agredido.
Tamén di que nin de lonxe imaxinaba que a súa chamada de atención tivese tal resposta. O grupo que estaba na rúa forzou o portal e subiu ao terceiro andar do edificio. Alí bateron na súa porta ata que lles abriu e foi entón cando comezou a malleira: "Estou convencido de que é xente que sabe facelo, porque estou convencido de que saben como dar e onde. Eran un mozo e unha moza".
Cando as patrullas das policías Nacional e Local acudiron, os agresores xa fuxiran, aínda que grazas ás cámaras de seguridade que hai na zona están identificados e poderían ser detidos nas próximas horas.
"Houbo unha resposta policial de minutos, o cal non quere dicir que nun minuto suceda algo que é absolutamente imprevisible como isto, dende o punto de vista da seguridade. Por iso, a nosa máis enérxica condena", sinala o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey.
Dende o concello condenan o incidente e tamén din que esta fin de semana intensificarán o control horario nos locais de hostalería para evitar incidentes deste tipo.