As hipotecas en Galicia volven a taxas positivas e dispáranse un 27,2%
As hipotecas en Galicia volven a taxas positivas e dispáranse un 27,2%
A repunta en Galicia é lixeiramente inferior á suba do 28 % da media española
O número de hipotecas establecidas sobre vivendas en Galicia disparouse en abril un 27,2 % con respecto ao mesmo mes de 2023, cun total de 1.268 operacións, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este xoves.
Deste xeito, as hipotecas volven a taxas positivas tras a baixada de marzo. A repunta en Galicia é lixeiramente inferior á suba do 28 % da media española. Así, prestáronse 151,3 millóns de euros para as constitucións.
Por comunidades autónomas, a firma hipotecaria tivo un aumento xeral, co País Vasco (+48,92 %), Castela-A Mancha (+42,54 %) e Comunitat Valenciana (+38,87 %) en cabeza. Pola contra en Aragón e Estremadura rexistraron baixas do 16,79 % e do 14,41 %, respectivamente.
O número de hipotecas constituídas sobre vivendas disparouse en España un 28 % en abril con respecto ao mesmo mes de 2023, ata alcanzar os 34.264 préstamos, a súa cifra máis alta nun mes de abril desde 2010, cun tipo de xuro medio algo máis moderado que o de 2023.
Con datos do total de inmobles, foron 1.765 as firmas na comunidade galega, cun capital que se sitúa en 198,7 millóns de euros. Deles, 1.730 estaban en fincas urbanas e 35 en fincas rústicas.
Das 1.730 hipotecas establecidas sobre inmobles urbanos, ademais das 1.268 vivendas mencionadas, foron 14 sobre terreos e 447 doutro tipo.
Mentres, en abril producíronse 2.418 baixas de préstamos sobre inmobles: 1.688 sobre vivendas, 663 sobre outras propiedades urbanas, 52 sobre leiras rústicas e 15 sobre terreos.
Ademais, houbo 352 cambios de rexistro (todas as novacións). Por natureza do inmoble: 343 urbanos, 260 vivendas e 9 rústicos.