Publicador de contidos
Publicador de contidos

As inmobiliarias prevén que a venda de vivenda suba "entre un 15 % e un 20 %" este ano

As inmobiliarias prevén que a venda de vivenda suba "entre un 15 % e un 20 %" este ano

A presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin) considera que os prezos seguirán "á alza", especialmente, na Coruña, Pontevedra e Vigo

Emma Martínez avoga por reactivar a "obra nova" para responder á demanda e axudar a conter os prezos

Afirma que no mercado do alugueiro hai "un problema de oferta moi gordo" que está disparando as tarifas

Edificio en construción en Ourense (Europa Press/Agostime)
G24.gal 23/04/2024 10:28

A presidenta da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalin), Emma Martínez, constata unha reactivación do mercado da vivenda en Galicia e vaticina un incremento das compravendas "de entre un 15 % e un 20 % este ano". Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

Sobre o perfil dos compradores actuais, Martínez sinala que "son pequenos investidores que, igual para complementar os seus ingresos, compran unha vivenda para poder alugar".

"A verdade é que nos vén moi ben que poidan comprar eses investidores porque todos sabemos que no mercado do alugueiro temos un problema de oferta moi gordo. Non hai vivendas para o alugueiro", indica.

Desde Agalin, Emma Martínez di que as continuas subas dos tipos de xuro (actualmente nun 4,5 %) por parte do Banco Central Europeo (BCE) desde xullo de 2022 apenas tiveron  influencia no mercado inmobiliario.

Afirma que "pensabamos que, ao estar nun pico á alza dos tipos de xuro, se vendería menos, pero realmente entre o aumento da venda de obra nova máis a compra por investidores, que é unha porcentaxe moi alta, non estamos notando esa caída. Aínda que os tipos de xuro estean altos, hai moitas entidades bancarias que están ofrecendo tipos por debaixo incluso do euríbor. Non se notou a suba de tipos en que haxa menos compravendas porque se incorporou tamén a obra nova e a compra por parte de investidores que compran sen financiamento".

Sobre os prezos, desde a Asociación Galega de Inmobiliarias cren que "van continuar á alza. Cremos que é debido a que ao non haber oferta, o prezo sobe, en alugueiro incluso máis que en venda. Na Coruña especialmente, tamén en Pontevedra e Vigo, pero en xeral en Galicia están subindo os prezos". Por iso, Emma Marínez considera "necesario que haxa vivenda nova" para cubrir as necesidades do sector e que iso axude a conter os prezos.

"Se estamos nunha media de 2.000 vivendas ao mes en Galicia, no momento en que se entregan calquera das obras que hai para entregar, pois é un volume que fai variar o importe de vendas dese mes. Por exemplo, no mes de febreiro, que houbo esas 2.090 vivendas, case un 25 % eran vivendas de obra nova", comenta. 

De cara ao conxunto do ano, a presidenta de Agalin asegura que "a previsión que temos é a de seguir aumentando e que se poidan producir compravendas entre un 15 % e un 20 % máis ca no 2023. Temos boas perspectivas de aumente o número de compravendas".

Desde a Asociación Galega de Inmobiliarias poñen en valor os programas públicos para facilitar a compra. Neste senso, Emma Martínez relata que "hai xente que quere comprar porque, tal e como están os prezos dos alugueiros, supón menos investimento, pero un ten que ter o aforro. Ese é o problema. Hai xente que querería comprar no canto de alugar, pero a achega que hai que facer é moi superior. Por iso hai un programa da Xunta [de Galicia] de avais dun 20 % e outro tamén a nivel estatal, que non está en vigor pero que está en tramitación, que cremos que tamén van dar un pouco de impulso".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade