Publicador de contidos
Publicador de contidos

A auga inunda sete casas en Cabanas e alcanza o metro de altura

A auga inunda sete casas en Cabanas e alcanza o metro de altura

Leiras das vivendas deste paseo da praia da Magdalena quedaban asolagadas e algunhas familias quedaron atrapadas

Ademais das fortes precipitacións, a preamar inundou o paseo e o desbordamento dos ríos provocou incidencias noutras zonas do municipio

G24.gal 24/12/2022 19:52 Última actualización 24/12/2022 20:09

Noiteboa complicada para algunhas zonas residenciais do concello de Cabanas. A intensa chuvia provocou fortes inundacións.

A auga asolagou este sábado sete casas en Cabanas (A Coruña), das que dúas continúan con dificultades, e alcanzou o metro de altura.

Leiras das vivendas deste paseo da praia da Magdalena quedaban asolagadas, provocando que algunhas familias quedaran atrapadas.

"Temos toda a leira inundada, para entrar á casa non podemos, temos nenos pequenos e a auga está conxelada, non podemos sacar os nenos"
"Isto é unha vergoña porque todos os anos é o mesmo. Xa saben o que hai e non o arranxan, tampouco limpan", comentaban algúns dos veciños.

Ademais das fortes precipitacións, a preamar inundou este paseo e o desbordamento dos ríos tamén provocou problemas noutras zonas do municipio.

"Maioritariamente temos inundacións nesta zona da Madalena, tamén noutras zonas do concello temos inundacións, zonas baixas. Rebordamento de ríos que tamén afectan a algunha vivenda e algún desprendemento de terra que tamén está a afectar a algunha vivenda desta zona", destaca Carlos Ladra Brage, alcalde de Cabanas.

A auga alcanzou nalgúns puntos o metro de altura. Para atallar as incidencias, durante toda a xornada voluntarios de protección civil de Cabanas traballaron arreo con bombas para achicar a auga. 

"Acabamos de desaloxar este carril que sae da praia e como no outro carril non hai sumidoiro de momento estamos pasando a auga para as arquetas que xa se ven e pasamos a auga par despexar o outro carril", di Jorge Freire, de Protección Civil de Cabanas.

Para facer fronte ás numerosas incidencias, o Concello necesitou tamén a axuda dos bombeiros das Pontes e do GES de Mugardos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade