As narcolanchas: cada vez máis potentes e dotadas coa última tecnoloxía
As narcolanchas: cada vez máis potentes e dotadas coa última tecnoloxía
Posúen amais maior capacidade de carga e de autonomía
Fábricanse na súa meirande parte en estaleiros ilegais nacionais, aínda que tamén en Portugal
Atrás queda a primeira narcolancha cabinada que se interceptou en Galicia a finais dos anos 80. Ríxida e de fibra de vidro. Agora as semirrixidas son as máis empregadas nas augas galegas.
"Son deseños de lanchas case de competición, dotadas das últimas novidades tecnolóxicas, tanto a nivel electrónico como en sistemas de comunicación como a nivel mecánico, en equipos mecánicos" explica Emilio Rodríguez, xefe sección GRECO Galicia da Policía Nacional.
A última narcolancha comisada en Galicia, en Vilaboa, na ría de Vigo, evidencia como mudaron as características nos últimos dez anos. Neste caso trátase dunha planadora de doce metros de eslora, tres motores de gran potencia e cunha capacidade máxima de carga de 3.000 quilos. Engade Emilio Rodríguez que son cada vez máis potentes, con "máis capacidade de carga e máis capacidade de autonomía". Nas de maiores dimensións mesmo contan con depósitos auxiliares.
Fabricadas na súa meirande parte en estaleiros ilegais da zona, aínda que tamén en Portugal, pois a fabricación, importación e exportación destas embarcacións de máis de 8 metros de eslora está prohibida en España coa nova lei de 2018. Unha ilegalización das planadoras de máis de 8 metros de eslora e superior aos 204 cabalos de potencia, coa que puido darse un gran golpe ao narcotráfico.