As navieiras que operan na ruta das Cíes non teñen billetes ata o 24 de agosto
As navieiras que operan na ruta das Cíes non teñen billetes ata o 24 de agosto
A xente reserva cada ano con máis antelación, e a estas alturas xa non hai prazas para viaxar nas semanas fortes do verán
De todos os territorios do Parque Nacional das Illas Atlánticas, as Cíes son as máis visitadas. A xente reserva cada verán con máis anticipación e ata a segunda quincena de agosto xa non hai billetes dispoñibles.
Resulta complicado visitar as Illas Cíes en calquera das navieiras que opera a ruta ben sexa desde Vigo, desde Cangas, Baiona ou Sanxenxo. A Central de Reservas da Xunta confirma que xa non hai billetes dispoñibles ata o sábado 24 de agosto.
Ata o de agora visitaron a paisaxe natural 100.000 persoas, e a previsión ata a Ponte do Pilar é doutras 100.000 máis, cifras case idénticas ás do ano pasado pero cunha diferenza: cada vez a reserva dos billetes se fai con máis antelación, ata tres meses antes.
No 2023 superouse o teito histórico de reservas desde que hai rexistro porque medio millón de turistas viaxaron as Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, as que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas, ao longo de todo o ano.
Este domingo en Vigo, había ringleiras infinitas para o barco das 10:15 horas. Tamén para o das 10:45. A cota por día de 1.800 persoas segue sendo a mesma, e os barcos, faga sol ou chova, sempre van cheos en tempada alta.
"A xente reserva con máis antelación. As Illas Cíes son o emblema natural da nosa comunidade autónoma e sempre é a visita elixida. E un perfil coñecedor do espazo ao que viaxa coñece as normas, preocúpase polo seu medio, desfruta moito da viaxe en barco na Ría e aproveita ata o último momento para facer unha ruta, coñecer o centro de visitantes, buscar a nosa gastronomía no parque e por suposto gozar das praias", conta Lorena Nieto, a coordinadora de actividades de Mar de Ons.
Novos perfís
Os cheos repítense, pero o que cambia é o perfil da pasaxe. Hai máis ecoloxistas, máis xente estranxeira, máis expectativas creadas e máis antelación na compra de billetes.
A mellor praia do mundo segundo The Guardian, aquel segredo descuberto en 2007, é xa unha realidade coñecida universalmente.