As obras da autovía Santiago-Brión empezan polo corredor das Galanas
As obras da autovía Santiago-Brión empezan polo corredor das Galanas
Espérase máis afectación cara a mediados da semana que vén, cando comecen tamén no extremo de Brión da AG-56
As obras durarán ata finais de agosto
Primeira xornada de cortes parciais nas obras dun dos principais accesos á cidade de Santiago. As obras comezaron esta mañá no ramal que une a N-550 coa autovía Santiago-Brión, preto do Milladoiro, na zona da rotonda das Galanas. O tráfico nesa zona non é moi intenso, polo que de momento a repercusión foi moi pouquiña, case imperceptible a primera hora nos accesos a Santiago. Espérase que sexa máis notable a partir de finais da semana que vén, que é cando empezan as obras na propia autovía.
As obras van durar catro meses nos que se van repoñer a capa de rodadura en todo o traxecto. A estratexia para que as obras impacten o menos posible nas vidas dos usuarios é facelas simultaneamente en dous lugares o más afastados entre si. Así que nuns días, comezarán tamén no final da autovía, na zona de Brión.
"Mentres un equipo traballa no tronco da autovía o outro irá facendo ramais e rotondas e todos os enlaces, reparando primeiro o que está danado", dixo Segundo Oviedo, xefe de conservación da concesionaria Santiago-Brión.
Na primeira fase manterase sempre aberto un carril, e na segunda, para poñer a capa de rodadura usarase cada un dos lados da calzada de xeito alternativo. Un labor en que colabora a Garda Civil de Tráfico.
"Supervisamos que a xente respecte a sinalización circunstancial e que os vehículos especiais non entren pola travesía do Milladoiro", explica Manuel Julio Meléndez, tenente xefe do Destacamento de Tráfico de Santiago.
As obras estaban previstas no contrato da concesión e atrasáronse pola pandemia. Fanse no verán para evitar que a chuvia obrigue a parar o asfaltado. Así que cadrarán cos meses dos desprazamentos dos santiagueses ás praias de Muros e Noia.