Publicador de contidos
Publicador de contidos

As Pontes porá terreos para a construción dunha planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP

As Pontes porá terreos para a construción dunha planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP

Collerán auga do lago das Pontes e separarán o osíxeno e o hidróxeno usando enerxía eólica

A construción da planta dará emprego a 200 persoas e producirá 14.000 toneladas de hidróxeno

A planta prevé xerar 55 empregos directos e outros tantos indirectos

G24.gal 12/07/2022 16:13 Última actualización 12/07/2022 16:23

Reganosa e EDP Renovables anunciaron este martes a posta a disposición de terreos por parte do Concello das Pontes para construír unha planta de produción de hidróxeno verde, en que prevén investir ata 165 millóns de euros.

Así o sinalou o director xeral de Reganosa, Emilio Bruquetas, xunto ao alcalde, Valentín González Formoso, e o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde. A parcela está próxima á antiga mina de Endesa.

O directivo da firma gasista asegurou que é "un proxecto maduro no que levamos traballando máis de dous anos" e enmarcouno nunha "visión a longo prazo".

Deste xeito, aludiu ao "rol que o hidróxeno xogará en Europa" a prol da "seguridade da subministración" enerxética. Sobre a superficie elixida, subliñou que é "un emprazamento fantástico que cumpre con todos os requirimentos".

A iniciativa, que o Goberno autonómico contempla tramitar como Proxecto Industrial Estratéxico, prevé ata 100 megawatts de potencia nas súas instalacións, ademais de vinculalas a unha central hidroeléctrica de bombeo e tres parques eólicos na zona.

Os promotores aspiran a producir unhas 3.000 toneladas de hidróxeno verde nunha fase inicial e alcanzar as 14.000 nos próximos anos. A súa construción, segundo Reganosa e EDP Renovables, dará emprego a 200 persoas.

A propia planta, unha vez aberta, prevé xerar 55 empregos directos e outros tantos inducidos.

Bruquetas sinalou que será "clave o emprego local" e que se favorecerá "a entrada de persoas afectadas" polo peche da central térmica de Endesa nas Pontes con "programas de desenvolvemento e formación para que sexa posible" a súa incorporación.

Así mesmo, desvelou que a firma Siemens executará en Navantia Ferrol parte dos electrolizadores precisos para o funcionamento do complexo.

Trátase de materiais que posibilitan a produción do hidróxeno cun proceso de electrólise.

Conde resaltou que Galicia "está a entender a transición xusta" coa "colaboración público-privada" e avogou por un "impacto positivo na xeración de emprego para ver a luz neste proceso de transición".

González Formoso reivindicou que As Pontes "siga sendo" un enclave "enerxético" de referencia e indicou que se ofrecerán "todas as facilidades do mundo" para a súa activación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade