Publicador de contidos
Publicador de contidos

As razas autóctonas galegas espertan o interese de novos gandeiros e consumidores

As razas autóctonas galegas espertan o interese de novos gandeiros e consumidores

A Feira Internacional Semana Verde serve como escaparate das razas autóctonas

Durante catro días os consumidores puideron ver os mellores animais e degustar os produtos derivados

G24.gal 02/06/2024 13:37

As razas autóctonas gandeiras de Galicia en perigo de extinción están pouco a pouco aumentando os exemplares e tamén a súa presenza nos mercados. Na Feira Internacional de Silleda os produtores deron mostra da calidade dos animais: tanto nos concursos morfolóxicos como no salón de alimentación onde se puideron catar. 

Á par do concurso das razas bovinas, os mellores exemplares de porco celta, galiña de Mos, ovella e cabra galega e cabalo de pura raza galega tamén se deron a coñecer durante a fin de semana na Feira de Silleda.

"Como escaparate é o mellor que temos a nivel de feira. Non só pola exposición e o concurso dos animais vivos, senón tamén porque temos a oportunidade de ter tamén unha zona de alimentación onde a xente pode probar e comprar os produtos", asegurou Cruz Castro, veterinaria na Asociación de Criadores de Porco Celta.

Que o consumidor coñeza cada vez máis os produtos é a garantía do mantemento deste sector primario ao que se van sumando gandeiros.

"Agora temos moita xente nova que se está implicando na cría dos porcos e en facer os seus propios chourizos, patés, hamburguesas... Están abrindo novos mercados, tamén en superficies grandes de comercialización", explicou Castro.

"A xente empeza a diferenciar o que son as carnes e de onde proceden e o que significa o logotipo 100 %", incidiu Silvia Adán Belmonte, directora técnica de ASOVEGA e CAPRIGA

Segue en recuperación tamén a Galiña de Mos, grazas aos pequenos produtores. 

"Tivemos unha parada cando foi o tema da pandemia, pero volvemos recuperar con moita forza. O último censo que tivemos foi sobre 6.800 femias reprodutoras e sobre 800 galos", cuantificou Francisco Monasterio, presidente de Avimós

E aínda que o prato é o principal valor destas razas autóctonas, os produtores insisten en que animais como o Cabalo de Pura Raza Galega fan ademais un traballo de mantemento dos montes e teñen un importante valor cultural.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade