As reservas de autocaravanas para o verán comezan a estar completas
As reservas de autocaravanas para o verán comezan a estar completas
En temporada alta, as viaxes son mínimo de sete días
Hai quen a estas alturas do ano xa está a organizar a próxima temporada de vacacións. Estase a notar nas empresas de alugueiro de autocaravanas, onde as reservas se multiplican.
"A verdade é que desde o mes de marzo estamos xa con reservas para todo o verán", apunta Carlos Álvarez, de Amodo Campers. O mesmo sinala Ángel Casielles, xerente de Galicia Caravaning, ao dicir: "Desde hai un mes a xente xa se mobilizou para o verán e estanse a cubrir as cotas de temporada. O mes de agosto podo dicir que xa está completo".
En temporada alta as viaxes son mínimo duns sete días. Principalmente para viaxar en familia, e tamén, cada vez máis súmase a esta modalidade a xente máis nova.
"Para algúns é cómodo que a autocaravana sexa grande porque van ir a un destino e pasar aí todos eses días, e o que queren é que sexa grande o vehículo para estar dentro como nunha casa. E hai outros que queren que o vehículo sexa pequeno para moverse porque o que buscan é moverse dun sitio para outro", afirma Jacobo Rey, de Rental Camper.
Quen chega a Galicia para pasar as vacacións sobre catro rodas busca sobre todo destinos de costa. Os galegos, en cambio, buscan percorrer outros lugares de España ou viaxar a Portugal ou Francia.
"Quen proba acaba gústandolle e repite, incluso llo recomenda a amigos, e todos volven", engade Ángel Casielles.
Porque ao pracer de conducir súmase a liberdade que dá chegar ao lugar onde se quere estar en plena natureza, de costa ou interior, e sen horarios.