Publicador de contidos
Publicador de contidos

Así foi a operación contra a rede que introducía coca entre bananas polo porto de Vigo

Así foi a operación contra a rede que introducía coca entre bananas polo porto de Vigo

O operativo comisou 650 quilos desta droga en Vigo e 1,3 toneladas en Colombia, no porto de Cartaxena de Indias, xa lista para saír cara a Galicia

G24.gal 05/05/2023 11:58

As investigacións iniciáronse o pasado verán cando Policía Nacional e Axencia Tributaria compartiron informacións sobre unha organización que tería previsto introducir unha importante cantidade de cocaína polo Porto de Vigo.

Trataríase dunha organización que sería moi activa no Porto de Alxeciras, liderada por un histórico narco que operaba no Campo de Xibraltar, e que pretendía abrir unha nova vía de introdución da droga polo norte peninsular aproveitándose das rutas comerciais de froita fresca con América do Sur.

Así, as autoridades aduaneiras no Porto de Vigo intensificaron controis e detectaron a quen estaría detrás desta organización.

Desde ese momento, dirixidos pola Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional, coordináronse investigacións conxuntas coa Policía Nacional coa finalidade de deter os responsables.

No marco da investigación faise unha primeira interceptación de droga. Era o 4 de marzo. No porto de Cartaxena de Indias, en Colombia, comisan 1,3 toneladas de cocaína preparadas para saír cara a Galicia.

O segundo dos envíos interceptouse o pasado 25 de abril á chegada do contedor ao Porto de Vigo.

Nesta ocasión interviñéronse 650 quilogramos de clorhidrato de cocaína cunha pureza do 90 %.

En ambos os casos a substancia atopábase oculta no interior de dous palés de bananas, aproveitando as rutas comerciais habituais que operan na cidade, quedando a organización criminal neutralizada no momento que se interceptou o primeiro e único envío que chegaría ao porto de Vigo.

En total, segundo informou este venres a Policía Nacional, a operación rematou con oito detidos, catro deles en Vigo, a onde se desprazaron desde o sur peninsular para dar seguridade ao traslado da substancia ata a Costa do Sol.

En total, realizáronse oito entradas e rexistros de forma simultánea na provincia de Málaga, onde se realizaron as outras catro detencións, en que se interviñeron 58.000 euros en efectivo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade