Publicador de contidos
Publicador de contidos

Así será o voto rogado a partir do ano que vén

Así será o voto rogado a partir do ano que vén

O Congreso aproba as claves da nova lei que rexerá o voto dos españois residentes no estranxeiro

Con esta nova norma os emigrantes poderán descargar as papeletas por Internet

G24.gal 18/05/2022 20:24

O Congreso aprobou hoxe as claves da nova lei que rexerá o voto dos españois residentes no estranxeiro tras dar para adiante ao relatorio desta norma. A norma, que estará lista antes de que termine o período de sesións das Cortes e que seguirá a súa tramitación no Senado a partir de setembro, debutará previsiblemente nas próximas eleccións xerais de 2023.

O relatorio desta proposición de lei, que se enmarca dentro da reforma da lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral que analiza a Comisión Constitucional do Congreso, foi validada este mércores tras pactaren PSOE, Unidas Podemos e o PP a maioría das emendas, que tamén recibiron un grande apoio.

Claves do novo voto rogado

As claves da reforma do voto rogado céntranse en que os electores poden descargar nunha páxina web a papeleta da votación e todas as candidaturas, que recibirán en bloque. As embaixadas serán lugares habilitados para depositar o voto nas urnas e tamén os consulados honorarios, que ampliarán os seus horarios en mañá e tarde. Mesmo se pode utilizar a valixa diplomática para facer chegar o voto a tempo.

En canto aos prazos, o voto en urna será entre o oitavo e o terceiro día, ambos incluídos, anteriores ao día da elección, mentres que o escrutinio non será a partir do quinto día, senón do oitavo día seguinte á votación e concluirá non máis tarde do décimo día posterior ao das eleccións.

Os consulados garantirán os medios informáticos necesarios para a descarga do resto da documentación precisa para votar, o proceso de precintado, reconto e elaboración da acta será pública e as funcións dos representantes das candidaturas concorrentes nos procesos electorais no exterior asimilaranse ás funcións de interventores e apoderados nos artigos 76 a 79 da  Lei do Réxime Electoral.

Por outra banda, ante situacións excepcionais que se poidan dar nalgúns países onde votar sexa máis complicado, o Goberno, previo informe da Xunta Electoral Central, poderá modular os criterios de votación ou mesmo o proceso para garantir que os residentes españois poidan exercer o seu dereito de sufraxio.

A proposición de lei que reforma o voto rogado implantado en 2011 e que freou a participación electoral pola súa elevada burocracia seguirá o seu trámite parlamentario o vindeiro mércores na Comisión Constitucional, onde se debaterán e votarán as emendas que non entraron no relatorio.

Neste sentido, algúns partidos como ERC ou JxCAT insistirán nas iniciativas que rexistraron para que se puidese votar de forma electrónica ou delegar o voto nunha persoa da mesma circunscrición en España. Unhas propostas que xa foron rexeitadas no pleno do Congreso cando se debateu a emenda á totalidade que presentaron os republicanos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade